O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva Tojo, destacou no Parlamento de Galicia que a Xunta prevé licitar este verán a redacción do proxecto construtivo do novo centro de saúde de Teo, que mellorará a capacidade asistencial e os servizos que se lle prestan aos veciños.
Durante a súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, o responsable autonómico informou da situación dos catro centros de atención primaria cos que conta este municipio, Pontevea, Cacheiras, Calo e Os Tilos, subliñando que a atención sanitaria está garantida.
A este respecto, e en resposta a unha pregunta sobre a atención que se está a prestar en Pontevea, o director xeral remarcou que os módulos que acollen agora mesmo a asistencia son unha solución provisional adoptada ante a situación que presenta o centro de saúde.
“A prioridade da Xunta é garantir a protección dos pacientes e dos profesionais. Por iso se habilitou unha solución provisional segura, funcional e axeitada”, incidiu o director xeral, ao tempo que lamentou que os gobernos municipais anteriores non adoptaran medidas ante o estado da infraestrutura sanitaria, de titularidade da administración local. Segundo apuntou, o actual executivo local de Teo licitou unha actuación para solucionar os problemas do consultorio de Pontevea.
Con todo, Alfredo Silva incidiu en que as instalacións provisionais dispostas polo Sergas contan con climatización por aerotermia e cumpren estritamente coa normativa de prevención de riscos.
No que respecta ao centro de saúde dos Tilos, o responsable autonómico aproveitou a súa intervención no Parlamento galego para trasladar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza deste núcleo, confirmando que se manterá operativo tras a posta en marcha do novo centro que se está a impulsar desde a Xunta, para garantir a proximidade e a accesibilidade da súa poboación.
NOVO CENTRO DE SAÚDE DA RAMALLOSA
O director xeral de Asistencia Sanitaria tamén confirmou que o proxecto para o novo centro de saúde da Ramallosa segue avanzando conforme ao previsto polo Executivo galego.
Así, e tras a formalización da cesión dos terreos en maio de 2025 e a recente aprobación municipal do Plan Especial de Infraestruturas en abril de 2026, a Consellería de Sanidade traballa xa nos pregos para licitar a redacción do proxecto construtivo este mesmo verán.
Cun investimento estimado de 4,3 millóns de euros, esta nova infraestrutura permitirá integrar a actividade dos centros de saúde de Pontevea e de Cacheiras nun espazo moderno e accesible.
Así mesmo, o novo inmoble posibilitará ampliar a carteira de servizos sanitarios do concello pois contará con áreas de odontoloxía, hixiene dental, farmacia de atención primaria, traballo social e melloras substanciais en pediatría e atención á muller.



