Santa Comba deu este pasado sábado, 9 de maio, un novo paso na difusión e promoción do seu patrimonio natural coa celebración do GEOLODÍA 2026, unha actividade de divulgación científica que reuniu a máis de 60 persoas chegadas desde distintos puntos de Galicia e Asturias.
A gran novidade desta edición foi o anuncio da creación do primeiro Museo Urbano de Rochas, unha iniciativa pioneira impulsada pola veciñanza en colaboración co Concello de Santa Comba que converterá o municipio nun referente nacional da divulgación xeolóxica ao aire libre, integrando diferentes minerais e rochas singulares do territorio en espazos verdes e zonas urbanas do núcleo da vila.
O futuro museo permitirá achegar a xeoloxía á cidadanía dun xeito accesible e didáctico, convertendo distintos puntos do municipio nun espazo aberto para descubrir e interpretar a historia xeolóxica da Terra de Xallas.




