A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en varios tramos de distintos ríos, que suman preto de 11,5 quilómetros, nos concellos coruñeses de Ames e Brión.
As tarefas, que xa foron comunicadas a ambos concellos, desenvolveranse en preto de 4,5 quilómetros do río Sar, ao seu paso polas parroquias de San Xoán de Ortoño (Ames) e Santa María dos Ánxeles, en Brión. Os traballos tamén incidirán en máis de 2 quilómetros do rego do Pasos ao seu paso polas parroquias de Santo Estevo de Covas e San Xoán de Ortoño, ambas en Ames.
Un terceiro tramo no que se intervirá é de preto de 1,4 quilómetros do rego de Ameneiral, ao seu paso pola parroquia de San Xoán de Ortoño, e posteriormente actuarase en 2,1 quilómetros do rego de Pego, entre as parroquias de San Xoán de Ortoño e Santa María dos Ánxeles. As tarefas nesta zona completaranse cun último tramo de máis de 1,3 quilómetros no rego de Esparille, ao seu paso polo concello de Ames, por San Xoán de Ortoño.
Os traballos, que se prolongarán durante máis de catro meses, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos. As actuacións realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras, podadoras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor e unha carretilla de carga.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.



