O Concello de Melide celebrou este domingo o acto central da programación das Letras Galegas co descubrimento da placa dedicada a Amador Rodríguez Martínez na Rúa do Convento. A iniciativa enmárcase no ‘Melide das Letras’, impulsada polo Museo da Terra de Melide e promovida pola Concellería de Cultura, que dirixe Ana Mosteiro.
No acto participaron o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e as edís de Cultura, Ana Mosteiro, e de Servizos Sociais, Carmen Liñeira.
A proposta homenaxea escritores e escritoras falecidos que naceron ou viviron en Melide coa colocación de doce placas conmemorativas nos inmobles nos que residiron, convertendo estes espazos en lugares de memoria para conservar e divulgar o seu legado.
O acto central estivo dedicado a Amador Rodríguez Martínez, presbítero, galeguista e investigador do folclore e da tradición oral da Terra de Melide, ademais de coautor, xunto a Vicente Risco, do capítulo 6 do Terra de Melide (Seminario de Estudos Galegos, 1933).
As restantes placas, xa colocadas en distintos inmobles da vila, lembran tamén a Eduardo Álvarez Carballido; Emilio Pereiro Quiroga e Juana Teresa Juega López; Antonio L. Taboada Roca; Manuel Taboada Roca, Conde de Borraxeiros; Nilo Cea Rodríguez; Rafael Taboada Vázquez; Jesús Mosteiro Raído; Xosé Manuel Rodríguez Pampín; Antonio Hermida Rodríguez; Carlos Parrado Garea e Xosé Domingos Cidre Bastián Fuciños Gómez, “Mingos de Pita”.
Con esta proposta, o Concello busca que as novas xeracións coñezan e valoricen a historia literaria e cultural de Melide, mantendo viva a memoria das persoas que contribuíron á creación e difusión da cultura local.



