PUBLICIDADE

A Xunta retoma o Plan de xestión do lobo para adoptar medidas de control

PorBisbarra

Venres, 11 Abril 2025 , , ,
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático informou dos cambios tras ser excluída a especie do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial

A Xunta modificou a normativa que regula a actividade cinexética anual en Galicia e volve a aplicar o Plan de xestión do lobo que estivo vixente ata setembro de 2021 unha vez que entrou en vigor a lei estatal pola que as poboacións ao norte do río Douro saen do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). Así o anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, en rolda de prensa, onde indicou que a resolución cos correspondentes cambios saíu publicada hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia.

A responsable autonómica remarcou que en Galicia a caza do lobo vai seguir estando prohibida, con carácter xeral, pero os cambios introducidos na resolución pola que se determinan as épocas hábiles para practicar a actividade cinexética na tempada 2024-2025 supoñen incluílo na relación de especies sobre as que se poden adoptar medidas de control fronte aos danos recorrentes sobre a gandaría coa debida xustificación.

Deste xeito, pasan a ser autorizables accións como as esperas, batidas ou monterías durante todo o ano salvo en abril, maio e xuño -nos que só estarán permitidas as esperas- sempre que se xustifiquen convenientemente eses danos recorrentes ás explotacións gandeiras que poñan en risco a súa viabilidade. Non obstante, esas medidas levarán aparellado ademais un rigoroso seguimento e control por parte da Administración galega co fin de garantir a preservación das poboacións do lobo.

PUBLICIDADE

Neste sentido, remarcou a conselleira, vaise facer un seguimento exhaustivo dos expedientes á hora de comprobar que efectivamente se producen danos recorrentes no gando dunha determinada zona. Para iso realizarase unha análise espacial e temporal dos prexuízos sufridos -ten que ser nun espazo curto de tempo e nunha área moi reducida– ao tempo que se comprobará tanto se nas explotacións gandeiras afectadas existen medidas preventivas para evitar os ataques como a súa eficacia.

Esta modificación normativa, salientou Ángeles Vázquez, supón volver á situación previa a setembro de 2021 -data na que o Goberno central decidiu de forma unilateral e arbitraria, sen aval científico, incluír as poboacións ao norte do río Douro no Lesrpe, impedindo a adopción de medidas de control- cunha xestión que busca garantir a viabilidade do lobo no territorio -mantendo unha poboación estable- e a compatibilidade co desenvolvemento da gandaría extensiva e coa viabilidade económica das explotacións agrícolas, que sufriron importantes danos e situacións límite nos últimos anos como consecuencia da imposibilidade de adoptar medidas de control.

Neste sentido, a conselleira lamentou que o Goberno central desoíse durante máis de tres anos as peticións das comunidades lobeiras españolas para que se retirase do Lesrpe o lobo ao norte do río Douro e que tivese que ser o Congreso dos Deputados quen corrixise o seu erro. Un escenario ilóxico que se mantivo ademais malia que a Comisión Europea e o Convenio de Berna se mostraron favorables a rebaixar a protección da especie ao entender que se atopa nun bo estado de conservación.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.