O presidente do Goberno galego mantivo un encontro con representantes do Grupo Samca, que promove o proxecto da mina de Doade, no municipio ourensán de Beariz.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, mantivo ao longo de esta semana un encontro con Javier Luengo, presidente do Grupo Samca, e outros responsables da empresa que promove o proxecto da mina de litio de Doade en Beariz (Ourense). Durante a reunión, trasladoulles a aposta da Xunta por aproveitar o potencial do subsolo galego para reforzar a cadea de valor europea das materias primas estratéxicas. Deste xeito, Galicia pode ser un territorio clave dentro da aposta da Unión Europea polo aproveitamento dos recursos críticos que están presentes no continente.
Así mesmo, Alfonso Rueda estivo acompañado polo secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, Juan Carlos Reboredo, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila. O presidente da Xunta salientou o potencial da minería para impulsar o crecemento económico en Galicia, a creación de emprego e a transición verde e dixital en toda Europa. Pola súa banda, Luengo recalcou a aposta da empresa que dirixe por este proxecto e o valor compartido e impacto social positivo nos lugares nos que desenvolve a súa actividade.
Hai que lembrar que a Mina de Doade foi seleccionada recentemente pola Comisión Europea como un dos 47 proxectos estratéxicos para asegurar e diversificar o acceso ás materias primas en todo o continente. Esta declaración supón unha maior axilidade na tramitación e a posibilidade de acceder a financiamento comunitario.
Con todo, o respecto á lexislación e á contorna está garantido, pois o proxecto deberá superar a esixente tramitación ambiental autonómica, reforzada polos compoñentes sociais que se analizarán de acordo coa nova Lei de recursos naturais de Galicia.
Neste caso, a aposta da Xunta polos recursos mineiros apóiase na Axenda de impulso da Minaría Sostible de Galicia, que busca converter o sector no aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industriais.
Cabe destacar que Galicia é líder en produción de pedra natural en España (tanto en lousa como en granito), e ten recursos para situarse como territorio estratéxico á hora de cubrir as necesidades de materias primas críticas de Europa, impulsar a reindustrialización e diminuír a dependencia do exterior.