PUBLICIDADE

A Deputación de Ourense fortalece as liñas de cooperación co Clúster de Turismo de Galicia

Reunión para fortalecer as liñas de cooperación entre a Deputación e o Clúster de TurismoLuís Menor reunido co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal

Luís Menor salientou a eficacia do Clúster como un “instrumento estratéxico” para o sector en Ourense e Galicia.

O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, recibiu na mañá do martes 15 de abril no Pazo Provincial ao presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal. Esta reunión encádrase no marco dos encontros de traballo que o presidente da institución ourensá mantén con representantes de entidades e colectivos vinculados á provincia.

Os dous presidentes, Menor e Pardal, analizaron a situación do sector turístico galego e ourensán. Neste sentido, o dirixente do Clúster explicou que o turismo en Galicia representa xa o 12% do Produto Interior Bruto (PIB) e sinalou que a comunidade autónoma recibiu máis de oito millóns de viaxeiros en 2024. Unhas cifras que, en palabras do máximo mandatario da Deputación, “acreditan a eficacia do Clúster coma un instrumento estratéxico na planificación e dinamización do turismo”.

Así, no encontro de traballo, acordaron reforzar as liñas de cooperación en materia de promoción turística. Luís Menor puxo en valor as “singularidades” que ofrece a provincia e o AVE coma un deses factores diferenciais “para seguir incrementando o número de turistas”.

PUBLICIDADE

O presidente provincial destaca o turismo como un dos “eixes fundamentais” do seu mandato, poñendo en valor a “cooperación público-privada” como unha das sinerxías estratéxicas para impulsar proxectos.

Hai que ter en conta que o Clúster de Turismo de Galicia representa a un total de 7.500 empresas a través de 64 asociacións de turismo, repartidas por todo o territorio galego.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.