A xornada da Deputación, De nenas a referentes ourensás reunirá no Centro Cultural Marcos Valcárcel a seis destacadas deportistas da provincia como Pino Díaz, Zulema González, Vane Sotelo, Uxía Boimorto e Aroa Muñoz
De nenas a referentes ourensás e o título baixo o cal se vai desenvolver unha xornada, organizada pola Deputación Provincial de Ourense, que porá en valor o deporte feminino da provincia a través da figura, traxectoria e exemplo de seis destacadas deportistas ourensás: Pino Díaz, Zulema González, Vane Sotelo, Uxía Boimorto, Marta Míguez e Aroa Muñoz.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá a xornada de Nena e Deporte 2025, no mes de xuño, e co que a Deputación de Ourense quere enxalzar a figuras destacadas do deporte feminino, para que sirvan de exemplo para as vindeiras xeracións de deportistas. Por este motivo, esta iniciativa estará aberta a todos os clubs da provincia.
A práctica do deporte é unha parte fundamental da sociedade e da cultura e pode servir como instrumento de socialización. Por este motivo, a actividade de Nena e Deporte 2025 está deseñada para sensibilizar a mozos e a quen lles rodea, sobre a importancia de promocionar valores por exemplo o da igualdade de xénero.
As deportistas participantes na actividade estarán en rangos de distintas idades, co obxectivo de que se acheguen distintos puntos de vista, acordes á súa experiencia, en relación á igualdade e transmisión de valores no deporte en idade escolar.
Seis figuras destacadas do deporte ourensán feminino
Vane Sotelo é xogadora española de fútbol sala. Estivo nomeada como mellor xogadora do mundo nos anos 2014, 2015 e 2020. Debutou o 4 de novembro de 2014 coa selección española nun partido amigable contra Hungría. Foi dúas veces bota de ouro nos mundiais disputados en Costa Rica e Guatemala. No ano 2019 participou na primeira Eurocopa de fútbol sala feminino, sendo a primeira xogadora en anotar un gol, tamén foi elixida mellor xogadora do torneo e alzouse coa medalla de ouro.
Zulema González é árbitra de fútbol da Primeira División Iberdrola Feminina e foi árbitra internacional. Arbitrou partidos da fase previa da Champions League Feminina, Liga das Nacións da UEFA Feminina, a final da Copa da Raíña, a clasificación para a Eurocopa feminina e a fase previa para o Mundial. Pertence ao Comité de Árbitros de Ourense e actualmente dirixe encontros da Terceira Federación Nacional.
Marta Míguez foi lanzadora de xavelina. Adentrouse no deporte seguindo as pegadas da súa irmá María Asunción, Nucha, que foi a que comezou a lanzar xavelina e tras ela, facendo o mesmo, estivo Marta. Antes de inclinarse pola xavelina, Nucha e Marta probaron no balonmán. Campioa de España Júnior (1992), Campioa de España Absoluta (1998 a 2002), recordwoman de España Absoluta (1999, 2000 e 2002), primeira muller española que participa en xavelina nuns Xogos Olímpicos. Dende o ano 2002 ostenta o recoñecemento como Deportista de Alto Nivel. Competiu representando a España tanto nos Xogos Olímpicos de Sidney 2000, coma nos Xogos do Mediterráneo, no ano 2001 en Tunisia, e nos Campionatos do Mundo de Atletismo do 2002 en Madrid. A súa mellor marca persoal é de 59,43 metros, acadada en xullo de 2001 en Valencia, que é ademais o récord galego da especialidade.
Pino Díaz é unha das grandes ximnastas españolas durante a primeira metade dos anos 80. Pertenceu ao Club 2000 de Ourense, e foi adestrada por unha das técnicas máis recoñecidas naquel momento, Aurora Martínez Vidal, e máis tarde, formando xa parte da selección, por Emilia Boneva. Representou a España, tanto en modalidade individual nos Europeos de Stavanger, Noruega no ano 1982, como na de conxuntos e individual á vez no Mundial de Estrasburgo en Francia no ano 1983.
Aroa Muñoz é fisioterapeuta colaboradora da Federación Española de Atletismo. Pertenceu a clubs de atletismo como CD A Purísima e actualmente pertence ao Club Ourense Atletismo que compite na modalidade de velocidade de 400 metros, na que está na fase de ascenso á primeira categoría Nacional. Medallista autonómica nos 400 metros
Uxía Boimorto é árbitra ourensá de fútbol base que foi seleccionada para dirixir partidos do Campionato de España Sub-14 e Sub-16 feminino. Actualmente atópase na Primeira Futgal e é a única muller nesta categoría do fútbol provincial. Actualmente pertence ao programa Futuro da RFEF para un posible paso á segunda división feminina do fútbol nacional.