PUBLICIDADE

A Feira do Viño de Ribadavia xuntará durante 4 días os mellores caldos con grandes nomes da cociña

PorBisbarra

Mércores, 16 Abril 2025 , , , ,
Imaxe dos stands na edición do ano pasadoA Feira do Viño na súa edición de 2024

A 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro celebrarase na vila entre o 1 e o 4 de maio e contará coa presenza de destacados chefs e expertos en maridaxe.

Ribadavia acollerá do 1 ao 4 de maio a 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, unha das celebracións enogastronómicas máis emblemáticas de Galicia. O evento contará cunha destacada presenza de cociñeiras e cociñeiros que representan a vangarda da cociña galega actual.  Este ano, a feira presentará unha programación reforzada grazas á coincidencia do festivo do 1 de maio a xoves, o que permitirá dispor de unha fin de semana longa. Isto tradúcese en ofrecer ao público máis xornadas para gozar do viño, da música e, especialmente, da gastronomía de autor.

Así, diversos chefs de referencia se darán cita na vila. A ourensá Begoña Vázquez, recentemente recoñecida como Cociñeira do Ano no Galicia Fórum Gastronómico 2024, achegará a súa visión creativa e emocional da cociña baseada en produto local. Propietaria do restaurante Regueiro da Cova en Verín e da Taberna Sousón en Monterrei, ofrecerá un obradoiro o sábado pola tarde. Tamén participará Gerson Iglesias, chef do restaurante Erva no Hotel OCA Vila de Allariz, defensor dunha cociña vexetal, ética e sostible, quen intervirá no mesmo día ao mediodía.

A cociñeira ourensá Begoña Vázquez será unha das protagonistas da Feira do Viño

Mentres, o domingo será a quenda de Álvaro Villasante, cociñeiro do restaurante Paprica en Lugo e membro do Grupo Nove, cunha ampla traxectoria que inclúe estadías en cociñas como as de Sergi Arola, Ramón Freixa ou Ángel Palacios. Ao seu carón estará tamén Deisy Barrios Otarola, sumiller e propietaria de dous espazos gastronómicos de referencia en Galicia: Morrofino en Vigo (Bib Gourmand da Guía Michelin) e Pedra Furada na Coruña. Barrios será protagonista de varias catas e obradoiros os días 1 e 2, maridando viños do Ribeiro con produtos de Galicia Calidade.

PUBLICIDADE

A esta aposta pola excelencia súmase a participación de Willy Gómez, referente nacional na coctelería e no mundo do café de especialidade, fundador de Astro Café Roasters e impulsor de Moon 93 On the Road. O seu obradoiro de coctelería con viños do Ribeiro terá lugar o venres pola tarde e promete ser un dos momentos máis singulares da feira.

A Alameda de Ribadavia, espazo principal

Todos os showcookings, catas comentadas e obradoiros celebraranse nunha carpa habilitada para a ocasión na Alameda de Ribadavia, que funcionará como espazo principal para as actividades gastronómicas. Xunto a ela, tamén no recinto feiral situado na Alameda e fronte ao Castelo dos Condes, estarán instalados os stands das adegas participantes, ofrecendo degustacións e venda directa ao público.

A inauguración oficial será o xoves 1 de maio ás 12:00 h no palco da Alameda, tras unha recepción no Concello e a actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Durante os catro días do evento, tamén haberá catas comentadas dirixidas polos sumilleres Tomás Ucha (DiverXO) e a propia Deisy Barrios, nas que participarán recoñecidas adegas como Casal do Canteiro, Casal de Armán, Viña Costeira, Pateiro ou Digna María Carrasco López.

Deste xeito, a Feira do Viño do Ribeiro, organizada polo Concello de Ribadavia, reafirma o seu compromiso coa promoción do viño máis antigo de Galicia, e faino nesta edición cunha mirada posta na gastronomía como ferramenta de conexión entre territorio, produto e innovación cultural.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.