O equipo HB Audi Team Toques Rally Sport, con Alberto Fraga e David Ferreira ao fronte, bota a andar cunha presentación o vindeiro sábado que inclúe unha mesa redonda, unha cea, animación con DJ e sorteos
O equipo HB Audi Team Toques Rally Sport, a fronte do cal atópanse o piloto local Alberto Fraga e o seu copiloto, o lugués David Ferreira, acenderá o seu motor o vindeiro sábado 26 de abril, no Pavillón Municipal do Concello de Toques a partir das 20:00 horas, nun acto que estará aberto a todo o público e no que ademais da presentación do equipo haberá unha cea, sorteo de agasallos e animación con DJ.
Despois de 10 anos de probas e traballo, bota a andar o equipo HB Audi Team Toques Rally Sport co que a dupla Alberto Fraga–David Ferreira afrontará a tempada de rallyes. Así, o sábado 26 de abril completarase unha década de esforzo coa presentación do equipo cunha xornada que comezará ás 20:00 horas coa benvida e unha mesa redonda que contará con pilotos e preparadores de renome e que dirixirá Juan Carlos Varela de Rallyes.net.
A continuación será o momento no que se dea a coñecer o equipo HB Audi Team Toques Rallye Sport, durante un acto no que, como indicou Alberto Fraga, explicarase polo miúdo “todo o traballo feito nestes 10 anos no desenvolvemento e preparación do Audi, así como sobre os detalles e as características dun proxecto que nos costou bastante esforzo e sacrificio”.
Ás 22:00 horas será a quenda da cea para a cal os interesados aínda teñen dous días, ata o 23 de abril, para mercar as súas entradas a un prezo de 25 euros e que inclúen a cea e a participación no sorteo dunha maqueta AUDI SPORT QUATTRO S1 E2 a escala 1:18 do Rally de Montecarlo valorada en 300 euros. A partir das 00:30 horas inciarase a animación a cargo do DJ David Expósito e se realizará o sorteo de agasallos.
HB Audi Team Toques Rally Sport, o fin do principio dunha extensa carreira
Un proxecto que culmina unha extensa carreira deportiva que agromou no ano 2000 da man do piloto de Toques. Por aquel entón, explica Fraga, “Ernesto Bujam e máis eu compramos un Ford Fiesta e corrimos durante dous anos en Slalom, mais foi mudando a normativa, o fomos deixando, e quedou a cousa en standby“. No ano 2010, o toquense decidiu mercar outro Ford Fiesta para preparalo para os rallyes, e no 2011 creou, xunto a Alberto Fraga e ao seu cuñado Miguel López de copiloto, a nova escudería que contaba con catro equipos.
Por unhas cousas ou por outras, relata Alberto Fraga, ao final todos o foron deixando. “Nós no 2014 conseguimos o primeiro Campionato de España da categoría VII, e no 2015 xa nos aburrimos un pouco de toda a nova normativa, que é máis que nada política, e decidimos descansar durante un ano máis”. Tras participar no 2016 nun rallye en Asturias, no que “rompemos pronto”, e nun par deles en Galicia, de novo decidiron tomarse outro descanso, tras o cal Fraga mercou outro Ford Fiesta para competir na categoría II, mais a cousa tampouco foi para adiante, e “aí foi cando comecei co proxecto do Audi”, precisa.
“É un proxecto moi complicado porque aquí en España non hai pezas e non hai quen che dea apoio, apoio a nivel mecánico, e temos que traballar con xente de fóra, de Alemaña, Holanda, Inglaterra… E pouco a pouco fomos traballando e no 2021 fixemos o Campionato de España“, asegura Alberto Fraga que aínda que describe este rallye como “moi accidentado”, conseguiu a victoria na categoría VII co seu novo copiloto, o lugués David Ferreira, que substituíu ao seu cuñado que “por temas de traballo tivo que deixalo”.
Tras outro ano de descanso, principalmente porque o Audi “quedou bastante danado por un golpe que tivemos”, no 2023 Fraga-Ferreira afrontaron o Campionato Galego de Rallyes Históricos no que se subiron ao máis alto do podio na categoría VII, e lograron o subcampionato de Galicia.
“Logo, nestes dous últimos anos, cando podiamos e tiñamos tempo o dedicábamos a mellorar e a preparar o Audi, sempre con bastantes dificultades, mais agora chegamos ao final do principio do proxecto. O coche está andando, listo para compertir, e o día 26 faremos a inauguración do equipo”, explica Alberto Fraga que convida a todas as persoas amantes do mundo motor a achegarse ata Toques e participar desta presentación.