Anxo Arca e Goretti Sanmartín presidiron a conmemoración do irmandamento entre Padrón e Santiago durante as festas de Pascua, nun acto que ten a súa réplica en Compostela durante o Apóstolo
Padrón e Santiago volveron reforzar este Luns de Pascua o seu irmandamento que ámbolos concellos veñen celebrando dende hai máis de 60 anos e que “tamén se traducen en actuacións que facilitan a vida cotiá da veciñanza”, asegurou durante o acto o alcalde padronés, Ánxo Arca, quen agradeculle á súa homóloga compostelá, Goretti Sanmartín, “a colaboración para conformar os tribunais do proceso de estabilización do cadro de persoal de Padrón”.
Máis de 60 anos levan Padrón e Santiago conmemorando o seu irmandamento, tanto nas festas de Pascua, cando a Corporación compostelá visita a capital do Sar, como nas do Apóstolo, nas que é a Corporación padronesa a que se despraza ata Compostela. Os vínculos que unen ámbolos pobos son moitos, dende os económicos, ata os culturais ou os relixiosos.
Anxo Arca lembrou que Padrón é o berce da tradición xacobea dende que os discípulos do Apóstolo trouxeron o seu corpo ata Iria Flavia antes do seu traslado a Compostela. Ademais, Rosalía de Castro, nada en Santiago e veciña de Padrón, contribuíu a estreitar a unión entre os dous pobos.
Durante o acto no salón de plenos do Concello de Padrón, o rexedor asegurou que ese nexo entre ámbolos municipios e esa irmandade tradúcense en colaboracións que axudan a mellorar a vida diaria da veciñanza das dúas localidades. Neste sentido, agradeceulle a Goretti Sanmartín que facilitase que persoal funcionario do Concello de Santiago formase parte dos tribunais que participaron no proceso de estabilización de moitos traballadores e traballadoras do Concello de Padrón. “Sen esa colaboración, o proceso non se podería facer tan rápido”, matizou.

Na súa intervención, Anxo Arca tivo tamén unhas palabras de condolencia para os representantes da Igrexa católica polo pasamento do papa Francisco, “unha persoa que intentou facer o ben e dignificar unha institución que é importante na nosa sociedade, un reformista no seo da Igrexa”.
Pola súa banda, Goretti Sanmartín fíxolle unha homenaxe ás mulleres que non saen nos libros, “as que rexían as casas mentres os homes marchaban” e que foron as verdadeiras artífices do que “entendemos por comunidade”. Son as que “sen escribir na historia, sempre a fixeron. E de todas elas escribiu Rosalía de Castro, a de Padrón e de Compostela”, asegurou a alcaldesa compostelá.
Ao rematar as intervencións, houbo un intercambio de agasallos. Anxo Arca entregoulle a Goretti Sanmartín un exemplar do Libro da Pascua, o primeiro que recolle o saúda da alcaldesa de Santiago. Esta, pola súa banda, agasallou ao anfitrión cun exemplar do libro Santiago de Compostela, o milagre, escrito por Daniel Asorey, e a Flor de Santiago de Ruth Varela.
O acto de irmandamento comezou na praza de Ramón Tojo, na que o alcalde e a Corporación de Padrón recibiron á de Santiago. Tras o intercambio de pendóns (portados polo padronés Luis Mariño e pola compostelá Nerea Barcia), Anxo Arca e Goretti Sanmartín intercambiaron os bastóns de mando, antes de que ámbalas comitivas se dirixiran ata o salón de plenos do Concello de Padrón para celebrar o acto institucional.
As autoridades seguiron dende o balcón da casa consistorial as actuacións das bandas de música de Padrón e de Santiago, que rematou coa interpretación dos himnos de España e de Galicia, respectivamente. Logo trasladáronse ata a praza de Macías para escoitar o concerto da Banda Municipal de Santiago, tradicional no Luns de Pascua. Despois, integrantes das dúas corporacións participaron nun xantar de confraternidade.
