PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Xunta urxe ao Concello de Melide a responder á proposta remitida para conectar o polígono da Madanela coa estación depuradora

PorBisbarra

Venres, 8 Novembro 2024 , , , ,

A Xunta de Galicia urxe ao concello de Melide a responder o antes posible á proposta remitida por Augas de Galicia para a sinatura dun convenio de colaboración para executar o proxecto de conexión do polígono industrial da Madanela coa estación depuradora de augas residuais (EDAR) local. O organismo hidráulico autonómico propuxo a finais de 2020 a sinatura dun convenio de colaboración a tres bandas -Executivo galego, Concello e Deputación da Coruña- para executar o proxecto, que suporía un investimento de máis de 1,5 millóns de euros repartido a partes iguais entre as tres administracións.

Esta actuación contribuiría ademais a poñer fin aos vertidos procedentes do parque empresarial ao río Furelos, que están a causar expedientes sancionadores e episodios contaminantes na canle fluvial que afectan á fauna e á biodiversidade existente na súa contorna. Nesta liña, tamén hai outros vertidos rexistrados recentemente no río que provocaron mortalidade de peixes na zona e que preocupan ao Executivo galego, polo que pide unha maior implicación do Goberno local co fin de atallalos o antes posible e poñer fin a estes aportes irregulares á canle fluvial.

A conexión do polígono coa EDAR e os vertidos ao río Furelos foron dous dos asuntos abordados onte polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, nun encontro para analizar distintas cuestións de interese para o municipio en materia de xestión de augas.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Nesta liña, a Xunta está a realizar un esforzo constante no mantemento e mellora da rede de saneamento de augas do concello de Melide co fin de optimizar o servizo ao conxunto da veciñanza. De feito, o responsable do organismo hidráulico trasladou o compromiso da Xunta de seguir mellorando, na medida do posible, as infraestruturas existentes así como o mantemento das masas de auga do municipio, para o que pediu a máxima colaboración do Goberno local.

Neste sentido, o organismo hidráulico autonómico está a explotar na actualidade e estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Melide, que garante o cumprimento dos parámetros exixidos pola normativa vixente en materia de saneamento da auga e que supón un investimento anual do Executivo galego de preto de 500.000 euros.

ACTUACIÓN EN REDE

Precisamente, Augas de Galicia segue a traballar na mellora desa rede de saneamento con actuacións como a ampliación proxectada na parroquia de Santa María de Melide coa que se pretende completar a rede e dar unha solución ás vivendas que quedaron sen colector de saneamento como consecuencia das dificultades técnicas atopadas durante as obras realizadas para levar o saneamento a toda a parroquia.

Os traballos previstos, cun investimento de máis de 126.000 euros, desenvolveranse nun trazado alternativo para os que é precisa a posta a disposición dos terreos por parte do Concello. De feito, Roi Fernández, trasladou ao rexedor que Augas de Galicia está a ultimar a comprobación das autorizacións dos propietarios das parcelas remitidas polo Goberno local para verificar que son suficientes e poder así retomar as obras. Neste sentido, a Xunta lamenta a dilación por parte do Concello -tardou máis de ano e medio- na obtención dos permisos necesarios do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para executar os traballos, previstos na contorna da N-547.

O responsable do organismo autonómico e o alcalde tamén abordaron posibles actuacións a futuro coa finalidade de mellorar o saneamento no municipio e de avanzar na conservación e mantemento dos espazos fluviais. Nesta liña, o rexedor trasladou que a auditoría da rede de saneamento realizada no municipio -financiada polo organismo hidráulico autonómico- detectou a necesidade de realizar distintas actuacións de mellora valoradas en preto de 200.000 euros.

En canto á conservación das contornas fluviais, Augas de Galicia remitiu ao Concello a finais de 2022 un proxecto para o acondicionamento e mellora da conectividade da praia fluvial do río Furelos, pois comprometérase a redactar o proxecto, pero tamén está a expensas do que decida o Goberno local.

Neste sentido, as competencias en materia abastecemento, saneamento e depuración son municipais, polo que son os concellos os que teñen que valorar as súas necesidades e poñer en marcha as medidas precisas para abordar os problemas existentes, para o que contan coa colaboración e apoio do Executivo galego.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.