PUBLICIDADE

San Sadurniño inviste 65.000 euros en completar o eixo Santa Mariña-Bardaos-Moeche

Trátase da última actuación dunha serie de catro obras para completar o eixo Santa Mariña-Bardaos-Moeche.Trátase da última actuación dunha serie de catro obras para completar o eixo Santa Mariña-Bardaos-Moeche.

O Concello de San Sadurniño investirá algo máis de 65.000 en renovar o pavimento do último treito pendente no eixo Santa Mariña-Bardaos-San Ramón de Moeche, principal infraestrutura de comunicación interior do norte do municipio. Esta intervención realizarase ao abeiro dos fondos provinciais do Plan Adicional 02/2024 e xa rematou o prazo de presentación de ofertas.

As obras no eixo comezarán cunha limpeza do antigo firme e o tapado de fochancas e outras irregularidades. Posteriormente, estenderase unha capa de aglomerado cun ancho medio de 5 metros. O obxectivo é mellorar a adherencia e resistencia ao desgaste, sobre todo derivado do tránsito de maquinaria agrícola e forestal. Así mesmo, limparanse as cunetas en profundidade para asegurar unha correcta evacuación da chuvia. Finalmente, procederase ao pintado da sinalización horizontal e a instalación dos novos indicadores verticais.

REMATE DO EIXO SANTA MARIÑA-BARDAOS-MOECHE

Con esta actuación, concluirá unha serie de catro intervencións que o Concello de San Sadurniño foi acometendo nos últimos cinco anos para reparar e uniformar o eixo interior que enfía a estrada de Ortigueira con Santa Mariña do Monte, pasando por Bardaos.

PUBLICIDADE

Neste sentido, en coordinación co Concello de Moeche, en 2018 amañouse a pista desde San Ramón ata A Bañoca, de 875 metros. Posteriormente, en 2021, fíxose o propio cos 2,8 quilómetros de estrada comprendidos entre Castrelo e A Veiga. Xa en abril deste 2024, quedaron listos os 1.300 metros de percorrido entre A Veiga e O Castro, en Bardaos. Agora, co proxecto que se adxudicará nestes días, aglomeraranse outros 800 metros entre O Castro e A Bañoca.

“Levar a cabo un aglomerado de cinco quilómetros dunha soa vez é algo que require un investimento inasumible para un concello pequeno coma o noso, que ten que atender moitas necesidades cuns recursos limitados”, explicou Secundino García, alcalde de San Sadurniño.

OUTRAS OBRAS VIARIAS

O rexedor sadurniñense lembrou que na mesma zona onde se vai actuar en breve, o Goberno local acaba de rematar outra obra de mellora da rede viaria. Máis en concreto, trátase da pista que vai desde o cruzamento do Castro ata o núcleo da Sanguiñeira. Neste caso foron 680 metros acondicionados con saburra e asfalto a través dun proxecto acollido ao POS+ deste ano, por valor de 54.600 euros. Nesta actuación tamén incluíuse a reparación do camiño que sobe desde San Paio até O Bidueiro, en Ferreira.

Así mesmo, tamén ao abeiro do Plan Adicional 02/2024, a administración local adicará 91.000 euros ao ancheado e aglomerado da pista dos Currás.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.