O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidente da Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume, Ignacio Bellas, asinaron un acordo de colaboración. Así, o Goberno local e a entidade estableceron o mantemento da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos durante este 2024. Un dos obxectivos desta colaboración é promover a fruticultura por medio de cursos e outras actividades de dinamización do sector primario.
No tocante ao compromiso do executivo local, outorgará á AFGA do Eume unha subvención nominativa de 4.000 euros. Neste sentido, aboarase á entidade o 75% nestes días e o 25% restante cando presente a documentación xustificativa do convenio.
Segundo se establece no documento, a AFGA do Eume asume o compromiso de continuar diversificando a plantación da Cortiña con novas variedades ou repoñendo os pés que non prosperen ou que resulten danados por calquera motivo. Así mesmo, levará a cabo os traballos necesarios para a conservación e mantemento da leira. Entre eles, os programas anuais de poda que aseguren a correcta produción da colección de especies.
Por outra banda, tamén se establece a colaboración da asociación na organización do concurso de froita autóctona da Feira Rural, para promover as castes tradicionais das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A maiores, planificarán as visitas e colaboración coa Casa do Mel e a Asociación Agroecolóxica A Cortiña, para organizar as xornadas anuais “Apostando polo sector primario”.
En canto á formación, o acordo tamén comprende a organización dun curso cunha duración mínima de 20 horas relacionado coa fructicultura, cun desconto do 50% para a veciñanza de San Sadurniño.
COMPROMISO COA AGROECOLOXÍA
A sinatura do acordo coa Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume encádrase nas políticas municipais de desenvolvemento da agroecoloxía como sector estratéxico para o territorio. Neste sentido, o Concello de San Sadurniño tamén subscribiu recentemente un convenio coa Casa do Mel de Goente e ten en marcha o programa Terra de Vida en colaboración coa Cooperativa Rexenerando. Así mesmo, é promotor do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla e o último pleno municipal aprobou integrarse na rede estatal de municipios pola Agroecoloxía, como aposta decidida pola potenciación da sostibilidade e a soberanía alimentaria.
A maiores, o Concello de San Sadurniño ten aberto ata o 17 de outubro o prazo de solicitude da liña de axudas para a plantación de maceiras das variedades Ollo mouro e Príncipe.