PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Hoxe comeza un Curtocircuíto protagonizado pola igualdade e o mar

Jacobo Sutil, Pela del Álamo, Miriam Louzau e Xosé Penas na presentación do XXI CurtocircuítoJacobo Sutil, Pela del Álamo, Miriam Louzau e Xosé Penas na presentación do XXI Curtocircuíto

O XXI Curtocircuíto, que comeza hoxe, ten programados, nas tres seccións competitivas, un total de 42 títulos, dos que 28 están dirixidos por mulleres

O XXI Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto comezou hoxe unha nova andaina que converterá a Compostela nunha gran sala ao longo de seis días. Proxectaranse 42 títulos programados -unha escolma dos máis de 2.000 recibidos– nas seccións competitivas, así como a posta en escena de 10 espectáculos audiovisuais.

Ademais, Curtocircuíto contará con seccións especiais e para a cativada, mesas redondas, ou unha residencia artística, nun amplo programa protagonizado pola igualdade (28 dos traballos que se presentan a concurso están dirixidos por mulleres, o 66% do total), a temática mariñeira, o cinema galego e unha ampla representación internacional.

Un programa que trascende á experiencia tradicional de visionados de filmes nunha sala de proxección e unha nova edición de Curtocircuíto “que aposta por unha programación competitiva que conxuga o compromiso coa igualdade cunha ampla representación internacional”, asegurou a concelleira da Capital Cultural do Concello de Santiago, Miriam Louzao, durante a presentación na que estivo acompañada polo deputado provincial de Parimonio, Xosé Penas, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, e polo director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Seccións programadas

O director artístico de Curtocircuíto agradeceu o apoio e a colaboración das institución e entidades participantes, e fixo finca pé ao esforzo do Concello por “consolidar e dar maior estabilidade” cunha licitación da organización prorrogable durante 4 anos, “algo que acontece por primeira vez na historia de Curtocircuíto, e que nos permitirá e nos trasladará a responsabilidade de construír un modelo de festival máis eficiente, máis interesante e mellor”.

O cinema galego mantén a súa ampla presenza na programación, catro das oito seccións están dedicadas a cinema galego: Planeta GZ, Supernova, Terra e Curtocircuíto x Cineclube de Compostela.

A Sección Oficial Cosmos propón unha heterodoxa selección de filmes que abarca desde cinema narrativo ata pezas abstractas, con numerosos ensaios fílmicos. Intégrana 25 pezas procedentes de países entre os que se contan Estados Unidos, Alemaña, Francia, Bélxica, Países Baixos, Suíza, Austria, Xeorxia, Irán, Bangladesh, Filipinas, Corea do Sur, Andorra, Suíza e España.

Planeta GZ celebra o cinema galego con nove películas asinadas por Nela Fraga, Hugo Amoedo, Inés Pintor, Sabela Eiriz, Paula Fuentes, Guillermo Cabrera, Fran Rodríguez Casal, Irene Sáenz Carballeira, Feyrouz Serhal, Ariadna Cordal García e Pablo Fontenla.

O cinema emerxente galego citarase en Supernova con filmes de Cris Souto, Anxo González Álvarez, Clara Maseda da Veiga, Patricia Lleras, Ramón Martínez, Elena Mato e Carmen Méndez.

Os filmes programados optan a cinco premios oficiais e catro galardóns concedidos por xurados especiais: O Premio Cosmos á mellor película, dotado con 4.000 €: o Premio Cosmos á mellor película innovadora, cunha dotación de 2.000 €; o Premio Cosmos á mellor película española, que outorga á proposta á gañadora 1.000 € de dotación, outros 1.000 € en aluguer de material de rodaxe ; o Premio Galiza, dotado con 2.000 € e o Premio Supernova, sen dotación.

Ademais, outorgaranse o Premio do Público e o Premio Cátedra Cruz Vermella da USC, dotados cada un deles con 1.500 €, o Premio do Xurado Novo, cunha dotación de 1.000 € e o Premio #OutraCompostela, cun curso de formación para as persoas integrantes do equipo de traballo na Escola Unitaria.

Os abonos e as entradas para participar nesta XXI edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto pódense adquirir a través de Compostela Cultura, pero tamén nas taquillas das localizacións das proxeccións ou actividades, ou na web oficial de Curtocircuíto, na que ademais pódese consultar toda a información sobre o programa, actividades, espectáculos, entradas

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.