A xunta de goberno local do Concello de Ferrol adxudicou o contrato das obras de ampliación do cemiterio de Catabois. O orzamento desta primeira fase do proxecto, adxudicada á empresa Xestión Ambiental de Contratas SL, ascende a 1.148.792,97 euros.
Así pois, a adxudicataria presentou como mellora un incremento do prazo de garantía de 10 meses, por riba do prazo mínimo de garantía dun ano que figura nos pregos. “Trátase dunha actuación moi demandada á que agora por fin damos cumprimento”, asegurou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela.
O rexedor lembrou que o pasado 3 de xuño a aprobouse a actualización do custo do proxecto para garantir que saíra a licitación sen problemas. Así mesmo, o prazo de execución do contrato, segundo o disposto nos pregos, é de oito meses dende o día seguinte á sinatura da acta de comprobación do replanteo da obra. Neste sentido, está previsto que as obras comecen entre os meses de outubro e novembro.
DESCRICIÓN DA AMPLIACIÓN DO CEMITERIO
O cemiterio municipal de Catabois inaugurouse no ano 1945. A súa capacidade aproximada é de 16.000 sepulturas, das que practicamente a totalidade están ocupadas. “Con estas obras pretendemos dar por cuberta a importante demanda de nichos e frear o deterioro que supón para o cemiterio engadir ringleiras de nichos entre os xa existentes, reducindo as zonas verdes”, explicou o rexedor. Ademais está prevista a recuperación dos nichos que están abandonados e levan anos sen aboar a taxa.
A parcela onde se proxecta a ampliación é de titularidade municipal e ten unha superficie aproximada de 34.800 metros cadrados. A actuación prevista segue unha disposición similar á existente formada por unha rúa central e agrupacións lineais de nichos nos laterais.
As obras que se levarán a cabo son o traslado do osario xeral, incluíndo a demolición da cámara subterránea existente e a construción do novo osario. Así mesmo, o contrato contempla os traballos previos, demolicións e movemento de terras; os módulos de nichos, as instalacións de servizos como o saneamento augas pluviais, abastecemento e alumeado. O proxecto tamén recolle a instalación de pavimento e céspede en todo o resto da superficie non pavimentada, así como de novos peches.
As actuacións previstas réxense pola normativa española aplicable aos cemiterios e as indicacións ditadas polo planeamento urbanístico vixente no Concello de Ferrol.