PUBLICIDADE

Adxudicada a restauración do santuario da Laxe, en Vilasantar por máis de 250.000 euros

A intervención está subvencionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras de restauración da fachada e campanario da igrexa de Nosa Señora da Laxe, no Concello de Vilasantar. A actuación conta cun orzamento total de 256.258,02 euros e o contrato foi adxudicado á empresa Citanias Obras y Servicios, S.L.U.

O orzamento divídese en dúas anualidades, pero a inmensa maioría do traballo realizarase en 2026, cun importe de 217.819,32 euros. Non obstante, a intervención conta cun prazo de execución máximo de seis meses. Co gallo da adxudicación do contrato, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou o santuario vilasantarés. Alí foi recibida polo alcalde, Fernando Pérez Fernández; e o nonaxenario cura, don Miguel. A comitiva percorreu a igrexa, resaltando a gran relevancia patrimonial da infraestrutura e contido, e explicando as actuacións que se van executar.

TRABALLOS QUE SE VAN REALIZAR

PUBLICIDADE

O obxectivo da intervención é resolver os problemas de entrada de auga rexistrados no rosetón da fachada principal, ao igual que os de estabilidade na cúpula de coroación da torre, entre outras actuacións de mellora. Para logralo, substituirase a carpintería do rosetón da fachada principal e tamén se desmontará e reconstruirá a cúpula de coroación da torre. Ademais, reforzarase a súa base, executando un novo rexuntado. De igual xeito, realizaranse obras de mellora da impermeabilización e ventilación e tamén se reforzarán os contrafortes. Aproveitando a visita da delegada autonómica, o alcalde de Vilasantar salientou a necesidade de intervir tamén na igrexa de Santa María do Mezonzo, unha xoia románica declarada monumento histórico-artístico en 1931. Neste caso, o rexedor solicitou o apoio da Xunta de Galicia para limpar o edificio e realizar pequenas melloras no seu interior.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.