PUBLICIDADE

AECOR lanza a súa campaña “Atopa o tesouro do pai”

PorBisbarra

Mércores, 4 Marzo 2026 , ,
Na campaña participan máis de 80 establecementos asociados. Ata o próximo día 21 poderase participar no sorteo dunha Smart TV de 50”

Co gallo do Día do Pai, a Asociación de Empresarios e Comerciantes da Comarca de Ordes AECOR CCA lanza unha nova campaña baixo o título Atopa o tesouro do pai. Nela participan algo máis de 80 establecementos asociados. Ata o vindeiro 21 de marzo as persoas maiores de idade (excepto asociados) que realicen compras ou visiten estes negocios poderán entrar no sorteo dunha Smart TV de 50” valorada en 376 euros.

Cada establecemento colocará, ben no seu escaparate ou onde estime preciso, unha palabra coa que poder completar a frase “Papá é o meu ….. favorito”. A clientela deberá cubrir unha papeleta na que indicará a dita palabra xunto cos seus datos persoais, teléfono de contacto e o nome do establecemento. Unha vez completado o documento, este depositarase nas urnas habilitadas. Cada persoa poderá participar tantas veces como desexe, sempre e cando se trate de papeletas diferentes correctamente cubertas. Non se admitirán papeletas repetidas que indiquen a mesma palabra atopada no mesmo establecemento pola mesma persoa.

A campaña Atopa o tesouro do pai ten como obxectivo dinamizar o comercio local, dándolles visibilidade aos establecementos asociados mediante a participación cidadá. Nela participan o Concello de Ordes, Xunta de Galicia e Comercio Galego.

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.