A Asociación de Empresarios e Comerciantes de Ordes (AECOR) iniciou unha campaña de decoración de espaparates co gallo de San Valentín. Así, O Amor está no Escaparate estará vixente ata o 16 de febreiro e a veciñanza de Ordes poderá votar aos mellores escaparates locais decorados con esta temática.
Para participar só é preciso ter instalada a APP AecorClub. Nos establecementos participantes haberá un código QR no escaparate e poderase emitir unha valoración escaneándoo a través da aplicación. Todas as persoas maiores de idade participantes pasarán automaticamente a formar parte do sorteo dun vale de 150 euros, que se poderá trocar en calquera establecemento da rede AECOR.
Pola súa banda, a tenda ou negocio que reciba a mellor puntuación recibirá como premio un diploma acreditativo enmarcado, media páxina de publicidade no xornal La Voz de Galicia, ademais dun post en redes sociais e unha historia destacada nos perfís oficiais da asociación.
A campaña O Amor está no Escaparate conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Comercio Galego e o Concello de Ordes.



