O Concello de Ortigueira aprobou definitivamente en pleno o orzamento municipal para 2026, que ascende a 8,5 millóns de euros. Fíxoo cos votos a favor do PP, XA e PSOE, a abstención do BNG e a negativa de Primero Ortigueira.
O documento aprobado é unha folla de ruta que supón un crecemento de máis do 25% e un incremento de 2 millóns con respecto ás últimas contas aprobadas.
Dende o Goberno local valoran este pacto co PSOE de Ortigueira como “fundamental para a estabilidade do municipio e a execución dos proxectos, valorando de xeito conxunto cales son os máis prioritarios”. Así, engaden que o acordo permitirá “reforzar actuacións e investimentos en todas e cada unha das parroquias por valor de máis de tres millóns de euros”.
APROBACIÓN DO POS+2026 E O CONTRATO DE LIMPEZA MUNICIPAL DE ORTIGUEIRA
A maiores, na sesión plenaria aprobáronse o POS+2026 e a adxudicación do contrato dos servizos de limpeza, desinfección e hixiene nas instalacións municipais. No tocante á achega provincial, inxectará máis de 1,2 millóns de euros na localidade.
Asemade, a inicios de xaneiro xa se aprobara por unanimidade en pleno extraordinario a adhesión ao POS+Adicional 2026 para gastos sociais extraordinarios. Así, o Concello de Ortigueira recibirá este ano por parte da Deputación da Coruña 136.604,87 euros. Nesta liña, destinaranse a cubrir gastos derivados da xestión e prestación dos servizos sociais, “unha das principais bandeiras das políticas municipais”.




