PUBLICIDADE

O PPdeG insta a todas as forzas políticas a “non incorrer neste tipo de comportamentos e condenalos publicamente cando se produzan”, xa que estes feitos “non constitúen unha forma lexítima de expresión política, senón actos que vulneran a legalidade e o respecto pola convivencia”

O Partido Popular de Galicia (PPdeG) condenou esta mañá a vandalización, durante a madrugada deste luns 2 de febreiro, de varias das súas sedes locais e provinciais, coa pegada de carteis nas fachadas das mesmas, e acusa á oposición galega de “estar cruzando liñas vermellas”.

As sedes vandalizadas foron, a lo menos, as de Ourense e Lugo, que comparten espazo a cidade e a provincia, así como as de Santiago de Compostela, Gondomar ou Sada. Nalgúns casos, indican os populares, os feitos xa foron postos en coñecemento da Policía Nacional.

“Esta forma de actuar non representa a Galicia. Isto é romper co respecto, a dignidade e a educación”, sinalan desde o PPdeG, que consideran que “o vandalismo non pode disfrazarse de activismo”. Neste sentido, lamentan que a estratexia do independentismo galego baseada na “conflitividade social” estea traendo este tipo de consecuencias e piden á oposición que condene firmemente estes feitos.

PUBLICIDADE

“Pretenden instaurar na nosa Comunidade un clima de confrontación e polarización, pero nós non estamos dispostos a entrar nese xogo”, sinalan os populares que consideran que “Galicia é unha terra tranquila, de sentidiño, e a nosa fortaleza está precisamente na estabilidade, a responsabilidade e a proposta, non neste tipo de actuacións”.

Unha situación da que os populares xa veñen denunciando nos últimos meses co incremento das pintadas e cartelería en espazos públicos, “como se estes fosen da súa propiedade”, especialmente, segundo indican “protagonizadas por Galiza Nova e visibles en numerosas rúas das vilas e cidades galegas”. Así, instan aos responsables destes feitos “a que fagan isto nos edificios da súa propiedade e non nas sedes doutros partidos ou nos espazos públicos”.

Iniciativa no Parlamento Galego

De feito, os representantes do PPdeG xa levaron, o pasado mes de setembro ao Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para “rexeitar actitudes que buscan a apropiación dos espazos públicos mediante pintadas ou empapelados con símbolos e consignas de contido ideolóxico e partidista que representan actos vandálicos”, explican.

Uns actos que, argumentan, distan moito dunha “sociedade plural, libre, aberta, democrática e tolerante” polo que instan a todas as forzas políticas a “non incorrer neste tipo de comportamentos e condenalos publicamente cando se produzan”, xa que estes feitos “non constitúen unha forma lexítima de expresión política, senón actos que vulneran a legalidade e o respecto pola convivencia cidadá”.

“Estas actitudes proxectan unha mensaxe negativa á sociedade e especialmente á xuventude, á que se debe educar na participación política libre, respectuosa e construtiva, afastada da imposición e do pensamento único e sempre dentro do marco democrático e legal”, conclúen nun comunicado.

O PPdeG condena a vandalización das súas sedes de Santiago (vídeo), Ourense, Lugo, Gondomar e Sada a pasada madrugada
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.