O Concello de Barbadás vén de sinalizar nove novos espazos libres de fume e aerosois repartidos entre A Valenzá e Barbadás. A iniciativa, en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Ourense, pretende reducir o negativo impacto do tabaquismo na poboación. “Trátase de parques, entornos de centros educativos e zonas deportivas moi frecuentadas pola veciñanza e onde queremos evitar a presenza de fume”, explica o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.
Estes espazos onde non está permitido o uso de cigarrillos ou vapeadores son: o entorno do CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro, as canchas do Paseo dos Amieiros, o campo de fútbol “Os Carrís”, o parque da Solaina, o parque dos Patos, o parque do Tren e os arredores da Casa da Cultura e da casa consistorial. “Esta medida protexe á poboación que non fuma, conciencia aos máis pequenos e disuade aos fumadores de facelo, protexéndoos tamén”, asegura o rexedor de Barbadás.
Degundo os datos de AECC, o impacto do tabaco na saúde é claro. “O 30% de todos os tipos de cancro están provocados por fumar”.



