O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e o concelleiro de Servizos e da Zona Rural, José Tomé, reuníronse coa directiva da asociación veciñal de Covas.
Durante o encontro, o rexedor fixo balance das principais actuacións desenvolvidas nesta parroquia ao longo dunha semana. Máis en concreto, os traballos das empresas de limpeza, rozaduras e mantemento eléctrico dentro do plan de barrios. Ademais, destacou que durante o 2025, “investimos máis de 413.000 euros en actuacións de mellora en varios camiños e vías desta parroquia”.
Deste xeito, leváronse a cabo traballos de aglomerados en camiños en Raxón e no tramo C-35 de Covas-Esmelle. Así mesmo, están adxudicadas as obras para mellorar o estado das vías de Cobarradeiras-Ponzos, camiño da Aldea e camiño da hípica. “A mellora das vías no rural é unha das principais demandas das entidades veciñais e o noso compromiso para este 2026 é continuar nesta liña de investimento e dar resposta ás necesidades dos veciños nas vías de maior uso”, afirmou o alcalde ferrolán.
PLAN DE BARRIOS DE FERROL EN COVAS
No relativo aos traballos executados no marco do Plan de barrios, o rexedor destacou a roza de preto de 1.200 metros cadrados de zonas verdes. Asemade, plantáronse 200 unidades de viola tricolor nas inmediacións do local social.
Pola súa banda, a empresa de limpeza levou a cabo tarefas de chapeo e roza en máis de 22.000 metros lineais de camiños e na estrada principal. Nesta liña, prestaron especial atención á zona do local social e do antigo grupo escolar. Así mesmo, limparon 120 colectores, 13 sumidoiros e os lavadoiros de Covarradeiras, Raxón e A Pedreira.

Pola súa parte, a empresa de conservación e mantemento de áreas infantís de xogos, áreas biosaludables e de exercicio ao aire libre levou a cabo traballos de tensado e axuste do cable tirolina. Ademais, realizaron o rastrillado de nivelación e retirada de herbas da corteza que hai no parque infantil.
Finalmente, a empresa de mantemento eléctrico realizou 18 actuacións para subsanar avarías e outras accións preventivas para a conservación destas instalacións.
O próximo luns o plan de barrios comezará no barrio de San Xoán.




