PUBLICIDADE

A IV Gala dos Premios do Deporte Deputación recoñece o labor e os éxitos dos deportistas, adestradores, clubs, árbitros e entidades

O deputado provincial Antonio Leira foi o encargado de presentar a IV Gala do Deporte provincial que se desenvolverá en marzo no Teatro Colón da CoruñaO deputado provincial Antonio Leira foi o encargado de presentar a IV Gala do Deporte provincial que se desenvolverá en marzo no Teatro Colón da Coruña

A Gala dos Premios do Deporte, que se desenvolverá o 20 de marzo na Coruña, conta entre os seus galardonados con Ana Peleteiro, César Carballeira, Deportivo ou Baxi Ferrol

A IV Gala dos Premios do Deporte Deputación da Coruña, que se celebrará o vindeiro 20 de marzo no Teatro Colón da Coruña e que volverá converterse no gran acto anual de recoñecemento ao deporte da provincia, foi presentado o pasado martes polo responsable da área de Deportes da Deputación, Antonio Leira.

Durante a súa intervención, Antonio Leira destacou que esta Gala do Deporte “é unha cita xa consolidada no calendario deportivo da provincia” e subliñou que os Premios do Deporte teñen como obxectivo poñer en valor o esforzo, a dedicación e os valores que transmite o deporte, tanto no ámbito profesional como no deporte base, inclusivo e afeccionado.

O deputado lembrou que entre as persoas e entidades galardoadas en edicións anteriores figuran referentes do deporte galego e estatal, como a atleta Ana Peleteiro, o xogador de hockey a patíns César Carballeira, así como clubs históricos e proxectos deportivos de primeiro nivel como o RC Deportivo, o Básquet Coruña ou o Baxi Ferrol.

PUBLICIDADE

Mañá venres remata o prazo de presentación de candidaturas

Antonio Leira informou tamén de que o prazo para a presentación de candidaturas está aberto ata mañá venres, lembrando que poden participar deportistas, clubs, adestradores, árbitros e entidades que contribúan á promoción do deporte na provincia da Coruña. Todas as solicitudes deben presentarse de xeito telemático a través da sede electrónica da Deputación, seguindo o procedemento establecido nas bases da convocatoria.

O deputado sinalou que o xurado está composto por profesionais de recoñecido prestixio do xornalismo deportivo, que se encargarán de avaliar e seleccionar ás persoas e entidades que recibirán os galardóns nas diferentes categorías, garantindo así un proceso transparente e profesional.

Leira incidiu tamén en que a Deputación da Coruña aposta por un modelo deportivo no que teñen cabida tanto as grandes figuras como “o traballo silencioso e constante de moitas persoas e entidades que fan posible que o deporte chegue a todos os concellos”, e concluíu animando á cidadanía a seguir de preto esta nova edición da Gala e a participar na convocatoria: “Queremos que estes premios sexan un reflexo do talento e o compromiso co deporte que existe na nosa provincia”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.