A XXII Festa da Filloa da Pedra, que terá lugar o domingo 8 de febreiro, pechará co concerto da banda De Ninghures que será un dos grandes atractivos desta nova edición
A XXII Festa da Filloa da Pedra da Concello da Baña botou a andar hoxe coa presentación do programa nun acto no que se desenvolveu un showcooking en directo na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos de Santiago. A celebración terá lugar o domingo 8 de febreiro.
A concelleira de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía da Baña, Mónica González, foi a encargada de expoñer os detalles dunha nova edición da Festa da Filloa da Pedra na que se reforza a identidade da cita “como referente gastronómico e cultural de Galicia” e que contará coa actuación do recoñecido grupo De Ninghures como un dos grandes atractivos da xornada.
A presentación converteuse nunha auténtica experiencia sensorial grazas ao showcooking en directo a cargo das mestras filloeiras Elena López e Nieves Martínez, que elaboraron filloas da pedra ante o público asistente, amosando unha técnica que forma parte do patrimonio inmaterial da Baña.
Durante a presentación tamén se deu a coñecer o merchandising oficial da festa, “un proxecto cun marcado carácter social deseñado, ao igual que o cartel desta edición, dende a Fundación para a Protección dos Discapacitados Psíquicos da Comarca de Barcala, reforzando así o compromiso do Concello coa inclusión e coa economía social”, remarcou González. A directora da entidade, Rosa Tuñas, e Jennifer Riveira, autora do deseño, explicaron que as persoas usuarias da fundación participaron na elaboración de todos os produtos, que se poderán adquirir tanto no posto que se habilitará o día da festa como a través do correo electrónico fundacionnegreira@gmail.com
Durante a presentación detallouse o amplo programa previsto para o 8 de febreiro, nunha xornada na que A Baña será o epicentro gastronómico e festivo da comarca. A Festa da Filloa da Pedra comezará ás nove e media da mañá coa apertura de portas e o inicio das degustacións. O prezo da filloa será de 1,50 euros, mentres que as racións de orella e chourizo terán un custo de 6 euros.
A programación combina propostas gastronómicas, deportivas e culturais, como a celebración da segunda Ruta Ciclista da Filloa (con saída ás 10:00 horas), ou os obradoiros gratuítos de treboada (11:00 horas) e de cestería tradicional (12:15 horas), pensados para poñer en valor os saberes tradicionais.
A música tradicional terá un papel destacado coa actuación da Escola de Música Tradicional da Baña e As Atrevidas de Monte a partir das 12:00 horas, mentres que o momento institucional chegará co pregón do escritor bañense Manuel Iglesias Turnes, previsto para á unha e media da tarde.
Contra as 14:00 horas, iniciarase o tardeo musical, que correrá a cargo do Trío Alborada, Bouba e A Requinta de Lampai, pechando esta XXII Festa da Filloa da Pedra, a partir das sete da tarde, co concerto de De Ningures, un dos principais pratos fortes desta nova edición.
Con esta nova celebración, “o Concello da Baña reafirma o seu compromiso coa defensa das tradicións, a promoción da gastronomía local e a dinamización cultural e social do municipio consolidando unha cita que cada ano reúne a centos de persoas arredor dun dos símbolos máis recoñecidos da identidade bañense”, indicou Mónica González.
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, asistiu á presentación acompañado polo concelleiro de Obras Jesús Pena; membros do grupo popular bañense; Hadrián García, integrante do grupo De Ninghures; e o director da Escola de Música Tradicional da Baña, Emilio Lois.




