A Festa da Filloa botou a andar esta mañá coa presentación do programa de promoción e actividades paralelas que se inician o 13 de febreiro coa primeira sesión do Filloa Cooking
A 43ª Festa da Filloa de Lestedo botou a andar, esta mañá no CIFP Compostela, coa presentación do programa. Esta nova edición, da celebración que no 2024 foi declarada de Interese Turístico Nacional, terá o seu día grande o domingo 22 de febreiro, anunciaron durante un acto que presidiron o alcalde do Concello de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, Juan Manuel Silva; e contou, entre outros co director do CIFP Ramiro Esparís e coa actriz María Mera.
Previamente a celebración do día grade da Festa da Filloa, o 13 de febreiro comezará o programa de promoción e actividades paralelas, co primeiro dos 5 showcookings que forman parte este ano do Filloa Cooking, os cales se desenvolverán no local social de Lestedo, de balde e cun límite de 40 prazas cada un. Este primeiro, consiste nunha cata-maridaxe de filloas con viños Ribeira do Ulla da D.O. Rías Baixas a cargo do sumiller Nacho Costoya e do chef Roberto Filgüeira (20:00 horas).
A segunda sesión terá como protagonista o Cocido de Lalín e será dirixida polo chef lalinense Álex Iglesias, do restaurante Cabanas, que elaborará receitas de aproveitamento das sobras do cocido con filloa de Lestedo. Será o domingo 15 de febreiro (12:30 horas).
Ao día seguinte, luns 16 de febreiro, será a quenda do chef da Horta do Obradoiro, Kike Piñeiro, que estará ao fronte dunha nova edición de Lestedo sen glute no que participarán 30 persoas da Asociación Galega de Celíacos (ACEGA) e ofertaranse 10 prazas máis dirixidas a todo o público, nun showcooking que tivo unha gran acollida o ano pasado.
O mécores 18 de febreiro a Escola Fiolleira, dirixida aos máis pequenos, abrirá as súas portas. O chef Xosé Manuel Mallón e fiolleiras de Lestedo encargaranse de ensinarlle os valores culinarios deste produto aos nenos e nenas de Boqueixón. Como novidade, nesta edición haberá dúas quendas por idades, unha para crianzas de 4 a 8 anos (de 16:00 a 17:30 horas) e outra pra a rapazada de 9 a 16 anos (de 18:00 a 19:30 horas).
Finalmente, o xoves 19 de febreiro, nova sesión do Filloa Accesible, iniciativa que pretende achegar esta sobremesa a todos os públicos. Desta vez, o colectivo convidado son as persoas asociadas á ONCE. A clase será impartida tamén polo chef Xosé Manuel Mallón (12:00 horas) e consistirá nunha cata sensorial de filloas de Lestedo con viños da DO Rías Baixas-Ribeira do Ulla.
IV Festa da Filloíña, pensada para o público infantil
O sábado 14 de febreiro terá lugar a IV Festa da Filloíña, que dará comezo ás 16:30 horas no campo da feira de Lestedo e contará coas actuacións dos grupos Os Campiños de Sarandón, As Travesas de Codeso, Pena Maior de Marrozos e os grupos Alborecer, Lucerniñas e Solleirada, da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. Ás seis da tarde terá lugar o pregón infantil, a cargo do alumnado do CPI Antonio Orza Couto. E, 15 minutos despois chegarán os Atranques de Xeneraliños da Ulla, que rematarán cun concurso de disfraces infantil. E, a partir das 20:30 horas, gran concerto a cargo de Uxía Lambona e a Banda Molona.
Boqueixón conta con tres festas de Interese Turístico de Galicia: o Entroido de Sergude, as Carrozas do San Cidre e a Festa da Filloa, tamén de Interese Nacional. Poucos municipios hai xa non en Galicia senón en España que poidan presumir de algo semellante” (Ovidio Rodeiro, alcalde de Boqueixón)
Un día despois, o domingo 15 de febreiro (12:00 horas) hai programada outra novidade: a Feira da Filloa, con degustación tanto na modalidade doce como salgada, con e sen recheo. A animación musical no campo da festa correrá a cargo dos grupos Estralampo, Pirilampo e Solleirada e da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. E o sábado 21 de febreiro, a véspera do día grande desenvolverasé o IV Filloa Folk, o cal está aínda pendente do peche das actuacións.
Día grande da XLIII Festa da Filloa, Domingo de Piñata
O Domingo de Piñata, o 22 de febreiro a XLIII Festa da Filloa abrirá as súas portas ás oito da mañá, co acendido das dúas máquinas filloeiras. A partir das 11:00 horas no campo da festa, será a quenda da actuación dos grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio: Luz do Ilicinio, Raeira, Raiola, Ardora, Larada e Luceiro.
Ao mediodía terá lugar o IX Gran Desfile Intermunicipal dos Xenerais da Ulla pola avenida do 26 ata o campo da festa. Ás 13:00 horas, Emilio José de la Iglesia Lema, veciño de Lestedo e director xeral do gabinete técnico da Presidencia da Xunta de Galicia, será o encargado de ler o pregón, nun acto que será presentado pola actriz María Mera e no que tamén terá lugar a imposición dos Mandís de Honra 2026.
Hai que destacar este ano a novena edición do Gran Desfile Intermunicipal dos Xenerais da Ulla que contará con máis de 50 xenerais e xeneralas da Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra, Vila de Cruces e Boqueixón. E, as máquinas filloeiras comezarán a traballar ás oito da mañá e entre as dúas farán unha media de 2.000 filloas por hora” (Juan Manuel Silva, presidente Asociación Cultural da Filloa)
Ás dúas menos cuarto da tarde, será o momento do Gran Alto dos Xenerais da Ulla que, mediante estrofas rimadas e con moita ironía e humor, falarán de política e temas de actualidade. De 14:30 a 18:00 horas, a festa organizará a sesión vermú e tardeo co Grupo Ibiza e a Charanga BB+. Á hora do xantar (14:30 horas) tamén se ofrecerá aos asistentes o Cocido da Filloa no pavillón de Lestedo e finalmente, ás 18:30 horas, esta nova edición dirá adeus coa gran verbena popular co grupo Origen e a orquestra París de Noia.





