O Concello do Pereiro de Aguiar vén de asinar un convenio histórico mediante o cal patrocinará aos club de fútbol Atlético Vilariño, S.D. Melias, C.F. Loñoá e C.D. Pereiro de Aguiar
O Pereiro de Aguiar vén de reforzar o seu compromiso co deporte local a través da histórica sinatura dun convenio que o converte no principal patrocinador dos catro clubs de fútbol do municipio. O acordo, que “marca un punto de inflexión para o tecido deportivo local”, ten como obxectivo potenciar tanto o deporte base como o de competición.
O convenio que foi asinado co Atlético Vilariño, a Sociedade Deportiva Melias, o Club de Fútbol Loñoá e o Club Deportivo Pereiro de Aguiar, pon un foco especial na base. Grazas ao traballo iniciado hai anos no fútbol base e coa creación das escolas deportivas, hoxe preto de 200 nenos e nenas do municipio poden practicar o deporte que lles gusta co apoio directo da administración local, indican desde o Concello.
O alcalde, Luis Menor, que anunciou o importante acordo, incidiu en que “O Pereiro conta cunha longa tradición de fútbol na nosa provincia”, en referencia “aos nosos equipos, que forman parte da nosa historia deportiva nas diferentes ligas afeccionadas e rexionais”.
Entre os puntos destacados do convenio asinado entre o Concello do Pereiro de Aguiar e os catro clubs de fútbol, hai que salientar que se trata dun Patrocinio Unificado mediante o cal todos os equipos leven o selo do Concello como patrocinio principal, proxectando a imaxe do Pereiro por toda a xeografía da provincia.
Do acordo tamén destaca a súa aposta pola diversidade a través da promoción deportiva, que se ampliará e incrementarase para incluír con forza o fútbol sala feminino e as categorías de veteranos, garantindo que o deporte chegue a todas as idades e modalidades.
O obxectivo deste histórico convenio é que os clubs teñan a estabilidade necesaria para seguir medrando e representando ao municipio nas mellores condicións. Luis Menor agradeceu a implicación de todos os clubs para levar a cabo esta iniciativa, e subliñou que “traballamos xuntos para levar un mesmo selo, para que o nome do noso municipio chegue con forza a toda a provincia”.



