O Concello de Teo entregará os premios, entre outros, ao xogador de billar Álvaro Lama-Pereira, ao Club Galogrín de baloncesto ou a Manuel Rodríguez Lueiro da SD Cacheiras
O Concello de Teo celebra este venres, 30 de xaneiro, a segunda edición da súa Gala do Deporte no Auditorio Municipal da Ramallosa, na que se volverá a premiar o traballo e o esforzo dos deportistas, clubs, entidades e persoas teenses vencelladas ao mundo do deporte.
Desta forma, o Teo busca poñer en valor o deporte local, que conta na actualidade con máis de 2.000 fichas de deportistas federados nunha vintena de clubs do concello. Asemade, tamén se quere agradecer o traballo incansable das entidades deportivas e das persoas vencelladas ao deporte que fomentan unha competividade baseada nos valores esenciais para a vida como o traballo en equipo, o respecto, a disciplina e a superación persoal.
Así, este ano premiarase como mellor promesa a Álvaro Lama-Pereira Lage, un referente no billar teense. Este mozo foi dobre campión de España Sub-19 no ano 2022, quinto clasificado no Campionato de Europa Sub-19 en 2024 e campión de España absoluto de seleccións autonómicas con Galicia en 2025. Tamén neste ano acadou a medalla de bronce no Campionato de España absoluto nese mesmo ano.
O premio ao mellor equipo, este ano recae no equipo sénior feminino do Club Galogrín de baloncesto. Creado en plena pandemia, acadou dous ascensos consecutivos e proclamáronse subcampionas galegas na tempada 2021/2022, consolidándose na máxima categoría autonómica e competindo en varias fases de ascenso a categoría nacional. Sitúanse entre os equipos máis fortes de Galicia e son un referente para o deporte base feminino.
Tamén, terá o seu recoñecemento o Club de Aeromodelismo Estela pola súa traxectoria, con máis de tres décadas de historia. Naceu a partir dun curso impulsado polo Concello de Teo no ano 1989 e a día de hoxe conta cun local social e taller, ademais de desenvolver unha escola autorizada de aeromodelismo que aposta fortemente pola formación e a continuidade da disciplina.
O premio á dedicación ao deporte será para Manuel Rodríguez Lueiro, unha figura clave na historia da SD Cacheiras e vinculado ao club desde o seu nacemento. Asumiu diferentes funcións dentro do club e implicouse activamente na súa organización e funcionamento, ata tal punto de exercer a presidencia ente os anos 2002 e 2005 para que non desaparecera o club.
O Concello premia a traxectoria do xornalista deportivo Terio Carrera
Por último, o Concello tamén quere premiar a longa traxectoria do xornalista deportivo Terio Carrera, polo súa promoción e difusión do deporte. Veciño de Teo, este comunicador visbilizou o traballo de moitas e moitos deportistas e clubs dende os medios, pois leva máis de catro décadas achegando o deporte á sociedade e construíndo unha cultura deportiva de gran peso na nosa Comunidade.
Desta forma, nesta II Gala do Deporte Teense potenciarase o deporte en xeral e o local en particular, visibilizando disciplinas menos coñecidas pero de igual importancia, promovendo unha práctica deportiva saudable e baseada en principios e valores esenciais, buscando crear canteiras de deportistas e impulsando formas alternativas de ocio.



