Os Encontros culturais de inverno buscan dinaminzar os primeiros meses do ano como lugar de encontro con cine, música, literatura ou actividades nas parroquias
Os Encontros culturais de inverno, organizados polo departamento de Cultura do Concello de Arzúa, darán inicio á súa programación o vindeiro venres 30 de xaneiro. A iniciativa, que tivo a súa estrea o ano pasado, ten como obxectivo dinamizar os primeiros meses do ano como un lugar de encontro para as noitiñas de inverno con cine, música, literatura e actividades nas parroquias, entre outras propostas dirixidas a públicos de todas as idades.
Así, a Casa de Correos de Arzúa será o escenario no que se subirá o pano desta segunda edición dos Encontros culturais de inverno cunha sesión de cine clásico coa proxección de Con faldas y a lo loco que comezará ás 20:30 horas. Haberá presentación do filme a cargo dun experto en cinema e degustación de chocolate quente e doces variados.
Para poder asistir á proxección, que é de balde, é necesaria a realización da inscrición previa no teléfono 981 500 222 ou no correo cultura@concellodarzua.com, dende mañá mércores día 28 de xaneiro. Cada persoa poderá reservar un máximo de catro prazas, sendo as mesmas limitadas.
A programación do Encontros culturais de inverno contará tamén con novas sesións de As parroquias contan coa actuación de Celso Fernández Sanmartín e chocolatada, en Dombodán o 6 de febreiro, e en Vilantime o 13 de marzo.
Tamén, a programación inclúe as presentacións dos libros Historias de muiños e muiñeiros/as no cerne de Galicia de Montserrat Varela Vázquez e Illa de sangue de Carmen V. Valiña, ou a conmemoración do Día da Narración Oral, o 20 de marzo, cunha función infantil na Biblioteca Municipal, entre outras actividades.
O concelleiro de Cultura, José Luís García, anima “a participar nestes encontros pensados para que a veciñanza comparta a través da cultura experiencias e tempo de socialización durante os escuros e fríos días de inverno”, indicou durante a presentación do programa.




