PUBLICIDADE

Os deportistas da selección galega conseguiron en Córdoba tres ouros, dúas pratas e catro bronces, ademais de once postos finalistas dun campionato que se disputou no circuíto de El Pinillo

A Selección Galega pechou a pasada fin de semana unha participación histórica no Campionato de España de Campo a Través individual e de seleccións, que se desenvolveu na localidade cordobesa de Almodovar del Río. A Irmandiña sumou un total de 9 medallas (3 ouros, 2 pratas e 4 broces) así como 11 postos finalistas (dos cales, catro foron cuartos postos). Uns resultados dunha selección galega que participou nas categorías Sub-16, Sub-18, Sub-20, Sub-23, Absoluta e Remudas Mixta.

O combinado galego desprazou, ata o enlamado circuíto cordobés de El Pinillo, un total de 54 deportistas que competiron, tanto nas modalidades individuais como por equipos, nas categorías Sub-16, Sub-18, Sub-20, Sub-23, Absoluta e Remudas Mixta.

Nun campionato, que se disputaba en sábado e domingo, os grandes resultados non se fixeron agardar para a Selección Galega xa que na primeira xornada, a do sábado, o equipo Sub-16 feminino lograba a medalla de bronce por seleccións cunha excelente Lía Múñez, quen liderando as súas compañeiras, lograba entrar na línea de meta no terceiro lugar da clasificación xeral. Xunto ela sumaban para Galicia, Mencía Álvarez (12ª), Xoana Rodil (18ª), Irene García (22ª) e Alba Vasconcellos (43ª).

PUBLICIDADE

O seguinte éxito para a Irmandiña veu da man de Paula Fernández, que sobre unha distancia 4.628 metros de terreno completamente enlamado, lograba proclamarse campioa de España individual Sub-18 dando unha auténtica lección de calidade e domiño da proba. Por equipos, Galicia lograba un un bo e importante sexto posto de finalista no que tamén sumaron, Irma Veiguela (16ª), Uséu Bernárdez (32º) e Tania López (52ª)

No resto de probas, cabe salientar o importante cuarto posto conseguindo por Enrique García na categoría Sub-16 masculina que xunto a Guillermo Ortigueira (11º), Brais Rey (17º), Lucas Costa (30º) e Pedro Moirón (48º),  situaron á Selección Galega de Campo a Través a 5 puntos excasos da medalla de bronce, rematando nun excelente cuarto posto.

Mesma posición tamén para o equipo Sub-18 masculino liderado por Xoel Franco que rematou na quinta posición da clasificacion individual. Tan só un punto separou a Irmandiña de lograr a medalla de bronce, tras os resultados logrados tamén por Enrique García-García (15º), Pablo Vázquez (17º) e Hugo Dopazo (51º).

A Selección Galega abriu a segunda xornada co título en Sub-20 feminina

As 10:00 horas do domingo daba comezo a segunda xornada do Campionato de España, coa disputa da proba Sub-20 feminina na que todas as miradas centrábanse no combinado galego. Dende o pistoletazo de saída xa quedaban claras as intencións das galegas, que se situaron de inmediato nas primeiras posicións da proba ante unhas rivais incapaces de seguir o ritmo imposto.

Co paso das voltas, os grupos de cabeza fóronse definindo pouco a pouco baixo un claro dominio galego que acabou por deixar un resultado histórico: campioas de España, ocupando as galegas as catro primeiras posicións da clasificación xeral.

A primeira en cruzar a liña de meta foi Sandra González, seguida das súas compañeiras Demeku Paniagua, Debris Paniagua e Sabela Martínez, ás que se sumou o décimo primeiro posto de María Estévez. O combinado Sub-20 rematou a súa participación no Nacional con 27 puntos de vantaxe sobre as segundas clasificadas, a Selección andaluza.

No grupo dos Sub-20 masculino tres dos atletas galegos se situaban no Top 10 da clasificación xeral. Iker Fernández, que liderou aos galegos lograba unha fabulosa quinta praza, seguido de Asheber Díaz (8º); Álex Sierpes (9º) e Teo de Frutos (22º), posicións todas elas que por conxuntos, daban ao noso combinado unha sensacional terceira praza de todo un Campionato de España Sub-20.

Coa seguinte proba, a da categoría Sub-23, chegaba unha nova medalla. A campioa galega absoluta de campo a través, Emma Méndez, conseguía o subcampionato de España contribuindo, xunto a actuación de Sara Guedes, Isabel Caeiro, Leila Villar e  Ainhoa Gontán, a que as galegas se situarán na cuarta posición por equipos da clasificacion xeral.

Na categoría masculina Sub-23, a Selección Galega no puido entrar no Top 10, rematando o seu concurso na décimo primeira posición, con Sergio Quintas como mellor galego (17º). Xunto el, o resto de resultados foron: Álex Iglesia (39º), Pepe Sánchez del Valle (45º), Nuno Moure (52º) e Maro Rodríguez (55º).

Nas probas absolutas, que pecharon o campionato, excelente sétimo posto para David de la Fuente quen se instala definitivamente na elite do campo a través. Con esta gran actuación, o campión galego absoluto contribuía ademáis, xunto a Esteban Iglesia (25º), Jorge Puig (29º), Pedro Liste (60º) e Yago Ignacio García (75º), a lograr un destacadísimo quinto posto por Seleccións.

Na carreira absoluta feminina era a subcampioa galega Ángela González (20ª) pola súa banda, quen lideraba a o equipo ata o oitavo lugar xunto a Antía Castro (30ª), Itziar Manso (42ª) e Pilar Rojo (58ª). Por último tamén compre salientar o décimo posto colleitado polo equipo de remudas mixto formado por Pablo Bocelo, Eva Piñel, Pablo Ulla e Inés Docampo.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.