O Partido Popular de Santiago denuncia a situación do persoal dos centros socioculturais composteláns. “Os traballadores levan dous anos sufrindo demoras e impagos de nóminas e poñendo cartos do seu propio peto para atender aos usuarios e realizar as actividades”, sinala o concelleiro popular José Ramón de la Fuente. Segundo critica, “o Goberno nacionalista non se lembrou de esixir responsabilidades á empresa ata a pasada semana, cando nós lles instamos a facelo”. Tras definir a situación como un “menosprezo cara os traballadores dos centros socioculturais”, o grupo popular asegura que seguirá reclamando no pleno desta semana “que o goberno nacionalista poña fin a esta esperpéntica situación”.
O edil popular sinala que, tras tres anos á fronte do goberno local, non se pode “escusar na ignorancia” e evidencia que “non están capacitados para dirixir unha cidade como Santiago de Compostela, que lles queda grande a Goretti Sanmartin e ao seu goberno”.
Tras meses de conflito laboral sen que os traballadores dos centros socioculturais cobraran as nóminas, De la Fuente explica que foi o Partido Popular quen presionou ao goberno nacionalista para que esixira á empresa o cumprimento das obras establecidas no contrato. “Era obriga do goberno de BNG e CA activar os mecanismos necesarios para estas situacións que contemplan tanto a lexislación vixente como os propios pregos da contratación, pero os nacionalistas estaban a outra cousa”, subliñou.
Así mesmo, o concelleiro popular esixe unha explicación, alegando que “os traballadores merecen unha resposta”. Tras dous anos sufrindo condicións laborais precarias, reclaman saber se o Goberno local non actuou por descoñecemento ou por faltade vontade. “O goberno nacionalista está máis pendente de encubrir á empresa que de esixirlle que cumpra coa súa obriga de pagar aos seus traballadores”, sentenza.
CRÍTICA Á XESTIÓN DOS CENTROS SOCIOCULTURAIS
Nesta mesma liña, o grupo municipal popular acusa ao Goberno local de pésima xestión da rede de centros socioculturais. “O único destacable é a parálise absoluta, unhas instalacións que nunca tan mal atendidas estiveron, unha programación cada vez máis cativa e con continuas suspensións de actividades”. Así mesmo, explican que as poucas actividades que se puideron desenvolver foi “grazas á boa vontade dos propios traballadores, que a pesar de non cobrar, chegaron a poñer cartos dos seus propios petos para comprar o material necesario”.
De la Fuente reproba que se licitou “a nova contratación tarde, mal e arrastro” e non se atendeu aos traballadores, “que levan dous anos denunciando precariedade laboral e impagos recorrentes e prolongados no tempo”. Asemade, acusan ao gobereno local de negarse a atender as reclamacións das usuarias e usuarios pola “constante e frecuente suspensión de actividades, que o goberno de BNG e CA quixo cobrar de todos modos, aínda sabendo que non se celebrarían”.
O concelleiro popular sinala a gravidade de que a situación dos traballadores, que non cobran dende outubro, era coñecida e que o goberno local non actuara ata que o Partido Popular llo reclamou. “Hai dúas semanas lles reprochamos que non fixeran un adecuado seguimento do contrato e non vixiaran o cumprimento das obrigas da empresa cos seus traballadores e, agora, nos veñen de anunciar que activan eses mecanismos como se fose iniciativa propia”, critica De la Fuente.
“É claro que en Santiago non hai un goberno de esquerdas, xa que de ser así, estaría ocupado e preocupado pola xestión e polo seguimento e cumprimento íntegro dos contratos, pero a realidade é que en Santiago hai un goberno okupa que parasita o Concello”, destaca.
O edil popular insistiu que “unha alcaldesa libre para tomar decisións xa hai tempo que houbera cesado ao concelleiro responsable desta situación, se non o fai é porque é refén da situación na que se meteu polo seu obsesivo interese polo poder; xa que non lle importou formar un goberno insuficiente e incapaz de gobernar a cidade”.
Finalmente, explicou en que “o goberno de BNG e CA, en lugar de estar ao servizo da cidade, se sirve dela, para colocar á xente do seu partido ao fronte de responsabilidades municipais; en lugar de poñer ao BNG ao servizo dos composteláns, puxo a Compostela ao servizo do BNG”.



