PUBLICIDADE

Nace ‘Golf Inclusivo + Natureza Viva’, un proxecto que combina deporte, inclusión social e respecto polo medio ambiente

Golf Inclusivo + Natureza Viva agromou onte en Santiago coa súa presentación oficial, unha iniciativa que combina deporte, inclusión social e respecto polo medio ambienteGolf Inclusivo + Natureza Viva agromou onte en Santiago coa súa presentación oficial, unha iniciativa que combina deporte, inclusión social e respecto polo medio ambiente

Golf Inclusivo + Natureza Viva agromou hoxe en Santiago coa súa presentación oficial. Unha iniciativa impulsada polo Compostela Golf de Santiago, xunto a Café Candelas, Xardín Senra, Concello de Trazo e a Asociación Aspanaes con vocación de continuidade que combina deporte, inclusión social e respecto polo medio ambiente.

O proxecto nace co claro obxectivo de converter as instalacións de Compostela Golf nun espazo de lecer, aprendizaxe e convivencia para todos os públicos, no que é a asunción do compromiso do club coa inclusión, a sustentabilidade e o desenvolvemento persoal das persoas con capacidades especiais.

O eixo central do proxecto Golf Inclusivo + Natureza Viva é un Curso Semestral de Golf Inclusivo, dirixido por José Antonio Rey, mestre de golf con máis de 30 anos de experiencia e especialista en golf adaptado. O curso desenvolverase entre este mes de xaneiro e xuño de 2026, con sesións semanais dunha hora en grupos reducidos (4 a 6 participantes), adaptadas ás capacidades e ritmos de cada alumno.

PUBLICIDADE

O golf exponse como unha ferramenta educativa e terapéutica que favorece o desenvolvemento mental, físico, técnico, emocional e social, co obxectivo de que os participantes adquiran as habilidades necesarias para continuar practicando este deporte máis aló do curso.

En colaboración con Xardín Senra, o proxecto incorpora unha segunda dimensión: Natureza Viva. Os participantes recibirán pequenas clases de xardinería durante o curso, nas que coidarán as súas propias plantas, podendo observar a súa evolución ao longo do tempo. Ao finalizar o programa, cada participante levará a súa planta a casa como recordo da experiencia e do proceso de aprendizaxe. A xardinería convértese así nun instrumento de transformación persoal, conexión coa natureza, integración social e desenvolvemento emocional, reforzando os valores de respecto e responsabilidade ambiental.

Golf Inclusivo + Natureza Viva conta co apoio fundamental de Café Candelas, empresa galega de referencia no sector cafetero e da hostalería, cuxo compromiso como patrocinador principal garante a viabilidade e continuidade desta iniciativa.

O Concello de Trazo e a Asociación Aspanaes colaboran activamente achegando o proxecto ao seu alumnado e ás súas familias, formando un equipo multidisciplinar cun importante impacto social. Golf Inclusivo + Natureza Viva é un proxecto con alma social e ambiental que demostra que o deporte e a natureza poden ser ferramentas reais de inclusión, aprendizaxe e crecemento persoal.

Golf Inclusivo + Natureza Viva agromou onte en Santiago coa súa presentación oficial, unha iniciativa que combina deporte, inclusión social e respecto polo medio ambiente

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.