O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, proporá ao Pleno deste xoves que se retiren todos os radares de Conxo. Neste sentido, asegura que “fronte ao goberno de BNG e CA, que queren poñer máis radares, nós queremos todo o contrario, quitar os radares de Conxo”. O popular insistiu en que os nacionalistas pretenden instalar mais radares e recadar máis “o dobre, uns 5 millóns de euros”; mentres que o PP defende “reducir impostos e recadación por multas”, asegurou.
Nesta liña, Verea denuncia que “a compra e instalación de novos radares e multamóbiles responde a un afán recadatorio, sen que previamente se tomen medidas para moderar a velocidade nestas vías de acceso á cidade”.
Segundo lembra o popular, recentemente o Goberno de BNG e CA fixo público que Santiago está ante un dos mellores anos en materia de seguridade viaria, con menos accidentes, menos atropelos e sen puntos negros. Non obstante, 10 días despois de facer ese anuncio, “o goberno nacionalista sorprendeu a toda a cidade dicindo que vai a poñer máis radares”.
Nesta mesma liña, o líder popular subliña que, ás poucas semanas de tomar posesión, Goretti Sanmartín dixo que valoraba retirar o radar de Conxo. Porén, lonxe de retiralo, a administración local pretende instalar máis na zona. Así pois, trataríase dunha “unha medida claramente recadatoria”. Neste sentido, Verea insiste en que “se non fose para sablear aos cidadáns, a solución sería moi sinxela: baixar impostos como o IBI na mesma cantidade que incrementan as multas”.
Segundo o grupo popular compostelán, “o goberno nacionalista quere recadar tres millóns máis con multas porque alguén ten que pagar a festa, alguén ten que financiar este despilfarro”. Fan así referencia a que o Goberno de Santiago duplicou o número de asesores e directivos ao chegar ao poder, “con soldos de 75.000 euros, estamos falando de millóns de euros”.
REDUCIR ASESORES EN LUGAR DE POÑER RADARES
Verea critica duramente a dicotomía entre o número de asesores e altos cargos, que supoñen un gasto elevado á administración compostelá, e a intención de aumentar os radares “cun claro afán recadatorio”. Así, remarca que se “este fose o goberno da xente, como eles mesmos se denominan, buscaría os cartos noutras partidas, como na redución de asesores e altos cargos, pero o que, finalmente, deciden é incrementar as multas, meter máis radares e subir os impostos, cando segundo os datos que eles mesmo ofreceron a decisión tería que ser todo o contrario”.
“Se xa non hai puntos negros, nin máis atropelos, nin máis accidentes, por que queren poñer máis radares?”, cuestiona o líder popular. Para rematar, reproba “a axencia de colocación do BNG, de Goretti Sanmartín e de Ana Pontón”. Neste sentido, pon de exemplo que, ás 48 horas de perder o BNG o goberno de Ribeira, un concelleiro do BNG xa estaba “contratado a dedo en Santiago”. Así, conclúe criticando que “o concello está a dispor de Ana Pontón e a da UPG e non dos santiagueses”.



