PUBLICIDADE

San Sadurniño licita a mellora paisaxística da Cortiña e os xardíns do Pazo da Marquesa

O proxecto de mellora está financiado integramente cos fondos Next Generation da Transición Xusta.O proxecto de mellora está financiado integramente cos fondos Next Generation da Transición Xusta.

O Concello de San Sadurniño acaba de sacar a licitación o proxecto de mellora paisaxística da Cortiña e dos xardíns do Pazo da Marquesa. A intervención inclúe melloras nos percorridos e na ordenación dos espazos, novas plantacións e a adecuación de áreas para o uso social, educativo e de lecer, así como actuacións de accesibilidade e posta en valor nos xardíns municipais. O proxecto incorpora ademais medidas de eficiencia enerxética coa instalación de paneis solares.

O orzamento final ascende a 374.774,39 euros, incluíndo impostos. De feito, nos últimos meses modificouse a redacción do proxecto para adaptalo aos requisitos de Augas de Galicia e á aplicación dos fondos Next Generation da Transición Xusta, que financiarán a totalidade dos investimentos. As empresas interesadas teñen ata o 10 de febreiro para presentar as súas ofertas.

A iniciativa ten unha alta compoñente ambiental e de posta en valor dos espazos verdes, tendo en conta a eficiencia enerxética e posibles novos usos.

PUBLICIDADE

Leira da Cortiña e horta “Carlos Fornos”

No ámbito da Cortiña e da horta de conservación vaise facer un aparcamento de algo máis de 1.000 m², a continuación da área de servizos para autocaravanas. Asemade, instalarase un punto para a limpeza e mantemento básico de bicicletas.

Esta nova superficie contará con arborado e bancos. Tamén será zona de tránsito cara un recinto pechado que se dedicará a horta de formación, pensando na capacitación en materia de cultivos de todo tipo e en actividades asociadas ao centro supramunicipal de transformación agroalimentaria A Fusquenlla.

Dentro do espazo da horta de conservación Carlos Fornos, o proxecto contempla a creación dun novo almacén refrixerado de froita e a construción dunha caseta de “apiterapia”. Nesta, poderase escoitar o zoar das abellas e ulir o aroma das colmeas tras unha malla de seguridade.

A renovación da horta completarase coa substitución dos peches e a mellora dos accesos á finca. Asemade, instalarase un sistema solar fotovoltaico de 20 módulos para alimentar as instalacións e verter o excedente á rede eléctrica.

A maiores, prevense actuacións na zona do arboreto de especies autóctonas. Alí ampliarase o contido da Fraga Máxica, renovaranse os carreiros interiores e adicarase un dos campos á creación dun “bosque comestible”.

Intervencións na contorna da casa consistorial

No tocante ás actuacións nas inmediacións da casa do concello e os xardíns municipais, construirase un novo parque infantil con máis xogos na parte baixa dos xardíns. Ademais, procederase a plantar máis especies á sombra das palmeiras, instalar sebes vexetais no borde dos sendeiros interiores, a restauración do hórreo e a reparación do enreixado metálico que separa a sede consistorial da AC-862.

Tamén vai recollida no plan de obra impermeabilizar o estanque inferior e dotar de mobiliario urbano a parte dianteira da EIM A Rolada e do Centro Municipal de Empresas.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.