O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica e Emprego, amplía o número de postos do mercado tradicional dos sábados pola tarde en Bertamiráns, incluíndo 21 novos posto de venda ambulante, que se localizarán nos espazos que actualmente se atopaban baleiros das rúas Entrerríos e Ameneiral, e ampliase a localización do mercado incluíndo a praza do Concello. Deste xeito, o total de puntos de venta con esta ampliación pasará a ser de 62, con produtos de calzado, bixutería, complementos, téxtil, utensilios de cociña, embutidos, xoguetes didácticos, churros, verduras e froitas. Ademais, estréase a nova numeración do mercado trala colocación de chapas numeradas, e haberá animación musical, de 17.00 a 19.00 horas, a cargo da Asociación Cultural Os Castros.
O mercado de rúa de Bertamiráns leva organizándose moitos anos, sendo un dos mercados máis concorridos da comarca. Debido a iso, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, leva meses traballando para darlle un impulso e fortalecer esta actividade comercial. Para iso abriuse un proceso co obxectivo de sumar novos postos a dito mercado. Os vendedores ambulantes, que así o desexaron, tiveron un prazo para solicitar postos no mercado de rúa.
Finalizado dito proceso, dende este sábado 30 de maio, o mercado de rúa de Bertamiráns incluirá 21 novos postos de venda ambulante, que se suman aos existentes con anterioridade. Deste xeito, o total de puntos de venta con esta ampliación pasará a ser de 62, con produtos de calzado, bixutería, complementos, téxtil de adulto e infantil, utensilios de cociña, embutidos, xoguetes didácticos, churros, verduras e froitas.
Ademais, amplíase a superficie na que están colocados os diferentes postos do mercado, pasando a estar distribuídos polas rúa Ameneiral e Entrerríos, así como pola praza do Concello, que pasará a formar parte do espazo que acolle dito mercado. Por último, estréase a nova numeración do mercado trala colocación de chapas numeradas, e haberá animación musical, de 17.00 a 19.00 horas, a cargo da Asociación Cultural Os Castros.




