PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Aneiros visita as casas do maior de Moeche

PorBisbarra

Mércores, 2 Outubro 2024 , ,
A delegada territorial da Xunta en Ferrol achegouse ás casas do maior de Moeche para coñecer ás súas usuarias.A delegada territorial da Xunta en Ferrol achegouse ás casas do maior de Moeche para coñecer ás súas usuarias.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros visitou as casas do maior Casa Branca e Beldade, no Concello de Moeche. Estivo acompañada pola alcaldesa, Beatriz Bascoy. Así, a visita coincidiu coa celebración do Día Internacional das Persoas Maiores.

Durante a xornada, a delegada territorial compartiu actividades cos usuarios e usuarias de ambos centros. Así mesmo, interesouse polo grao de satisfacción que teñen con este servizo no que se presta unha atención personalizada a un máximo de cinco persoas por casa, ata oito horas diarias, de luns a venres. Como lembrou a delegada, esta atención ofrécese con flexibilidade horaria e permitindo ás persoas en situación de dependencia permanecer no seu entorno.

Aneiros aproveitou a ocasión para lembrar a importancia destes servizos “á hora de garantir uns coidados de calidade aos maiores que residen no rural”. Así mesmo, destacou a aposta da Xunta por “un modelo de envellecemento xa consolidado que permite que os nosos maiores teñan acceso a coidados gratuítos preto das súas casas”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Actualmente nos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal operan un total de 7 casas do maior: unha en Monfero, outra en Valdoviño, outra nas Somozas, dúas en Moeche e outras dúas en Cariño.

As casas do maior conforman unha medida pioneira que o Executivo autonómico comezou a implantar no ano 2018 e supuxeron un investimento de 22,4 millóns de euros. Os promotores destes recursos reciben subvencións para as obras de acondicionamento dos inmobles nos que prestarán o servizo, para o mantemento da actividade e para o desprazamento dos usuarios. Como novidade, a orde de axudas deste ano establece unha achega complementaria de 150 euros semanais nos casos de baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada da casa do maior.

Este ano a Xunta destina 1,3 millóns de euros a esta convocatoria que permitirá a posta en funcionamento de 100 novas prazas. Son totalmente gratuítas para persoas maiores de 60 anos que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con servizos de atención diúrna. Deste xeito, Galicia rematará o ano con 143 casas do maior.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.