O Concello de Ares comezou os traballos de reparación no Camiño do Castro. Trátase dunha intervención inscrita no proxecto de arranxo de vías de titularidade municipal. Este inclúe tamén os da Pena e Louseira, na parroquia de Cervás.
Así, esta semana iniciaron as obras que permitirán rematar co mal estado da superficie, cun acusado desgaste que devén en irregularidades, fochancas e atascos nas cunetas.
Os traballos no Castro limparán as marxes da vía para efectuar despois un aglomerado asfáltico de triplo rego que mellore a pavimentación do camiño. Tamén se contempla o reacondicionamento das bocas dos pozos de saneamento. A maiores, ampliarase o ancho da vía para mellorar o tráfico e aumentar a seguridade viaria, favorecendo o cruce de vehículos.
Esta obra, xunto ás que se acometerán no futuro nos camiños municipais da Pena e Louseira coa mesma tipoloxía de actuacións e obxectivos, supón un investimento total de 113.821,08 euros, sufragados entre a Deputación da Coruña co POS+2024 e as arcas municipais.
Segundo a información da área de Urbanismo do Concello de Ares, cando finalice esta intervención continuarán os traballos nas dúas vías de Cervás.



