O Concello de Arzúa avanzou onte na mellora das súas infraestruturas coa aprobación do complemento ao Plan de Obras e Servizos (POS+) 2025. Con este novo importe, a suma total destinada a investimentos municipais a través deste mecanismo de financiamento da Deputación supera o millón de euros, converténdose na maior partida de financiamento recibida ata a data a través deste programa.
O alcalde, Xoán Xesús Carril, destacou a importancia desta achega, sinalando que “supón un avance fundamental para garantir servizos de calidade e mellorar a seguridade viaria, especialmente no rural”. Ademais, engadiu que “este investimento permitirá executar obras esenciais para a veciñanza, asegurando accesos mellores e un saneamento máis eficiente”.
PROXECTOS PREVISTOS PARA O POS+2025
A inversión inclúe actuacións que suman un total de 355.673,30€, destinadas á mellora da calidade de vida da veciñanza de Arzúa, con especial atención ao rural. Entre os proxectos destacan: o acondicionamento do Camiño a Cortobe (Burres), Capela do Viso e de Filgueira a Vilasuso, mellora do Camiño de Doroña-Castañeda e da Castañeda a N 547, o saneamento no Camiño da Empegada. A mellora da seguridade viaria na Rúa Rego da Raña e a ampliación do saneamento en Castañeda.
OUTROS ACORDOS DO PLENO
A aprobación deste POS+ foi só unha das numerosas cuestións abordadas no plenario, entre as que tamén se incluíu a petición dunha subvención nominativa á Deputación da Coruña para financiar a 50ª edición da Festa do Queixo. O obxectivo é manter ou aumentar o financiamento logrado na 49ª edición, que por primeira vez alcanzou os 120.000 euros, fortalecendo así a viabilidade do proxecto e favorecendo a implicación doutras institucións.
Tamén contou co mesmo consenso a aprobación da proposta de ditame para a declaración de especial interese ou utilidade municipal das obras de ampliación da explotación de gando vacún de leite a nome de Blanco Fraga, S.C. Todos os grupos da corporación coincidiron en que é necesario favorecer o crecemento e a inversión empresarial na zona para impulsar a creación de emprego e fomentar o asentamento de poboación no concello.




