PUBLICIDADE

“Somos xente de palabra e estamos en política para mirar polo ben común e non por intereses de parte”

PorBisbarra

Luns, 10 Febreiro 2025
Ana PontónAna Ponon na entrevista Foto BNG
PUBLICIDADE

Eu creo que estamos vivindo un momento preocupante porque temos a un goberno que é desleal con Galiza. Esa deslealdade con Galiza e cos galegos e as galegas a vemos, pois cando sigue privatizando a nosa sanidade pública, cando non pon en marcha medidas para evitar o colapso da atención primaria, cando non é capaz de reverter un modelo que está facendo negocio a costa das persoas maiores ou non ten ningún proxecto económico de futuro. O único proxecto que ten o señor Rueda é entregarlle a riqueza deste país ás multinacionais e ás eléctricas, deixando única e exclusivamente a destrución e, desde logo, un modelo que é un modelo caduco, un modelo de pasado. E fronte a iso, o que vemos é a un BNG que demostrou neste ano que ten unha alternativa clara de goberno, que está, non só liderando a oposición, senón traballando para que dentro de tres anos, neste país, se produza ese cambio político que albiscábamos nas pasadas eleccións pero que hai que seguir empuxando.

O único proxecto que ten o señor Rueda é entregarlle a riqueza deste país ás multinacionais e ás eléctricas

O 1 de xaneiro saían os orzamentos en Galicia, que valoración fai de eses orzamentos?

Son uns orzamentos que non lle dan solución aos problemas dos galegos e as galegas porque non solucionan os problemas das listas de espera na sanidade, non prevén un cambio de modelo na atención ás persoas maiores… Son uns orzamentos instalados na rutina e que, o que nos debuxan é un goberno que non ten proxecto de país. O proxecto do Partido Popular é manterse no poder polo poder e, iso si, para beneficiar a empresas amigas do Partido Popular e a empresas vinculadas a altos cargos do Partido Popular.

O que é preocupante tamén é ver a deriva antidemocrática dun PP que despois de ter acumulado tanto poder durante estes anos, cre que as institucións son súas e que pode facer, pois do Parlamento galego a súa finca particular. Iso, por exemplo, vímolo coa creación da Comisión de investigación que tiña que abordar dous temas moi importantes: un deles o sobrecuste de 470 millóns de euros na construción do Álvaro Cunqueiro e outro é como se están utilizando as zonas de opacidade que ten a contratación pública para beneficiar, dun xeito descarado, a empresas vinculadas a altos cargos e dirixentes do Partido Popular, como é o caso da empresa que dirixe a irmá do señor Feijóo en Galiza e onde vimos como se obstaculizou esa Comisión e, en vez dunha Comisión de investigación, o Partido Popular o que fixo foi unha comisión de ocultación.

Son uns orzamentos instalados na rutina e que, o que nos debuxan é un goberno que non ten proxecto de país

Entón, a súa valoración da Comisión de investigación non é positiva…

Eu creo que é positiva a creación da Comisión porque pon o foco en un asunto que é moi relevante e é, primeiro, hai igualdade no trato que a Administración lle da ás empresas deste país? Nós o que vemos é que non. O que vemos é que hai empresas que están sendo beneficiadas grazas ás contratacións a dedo e, claramente, beneficiando a familiares de altos cargos do PP. Porque só a empresa que dirixe a irmá do señor Feijóo en Galiza, recibiu 1500 contratos a dedo nos últimos anos por valor de sete millóns de euros. Estamos falando de que nove de cada dez contratos que recibiu Eulen foron contratos a dedo e, polo tanto, ai se ve unha práctica que non é unha práctica normal, habitual, senón que, claramente, se están producindo elementos que habería que analizar e investigar como son fraccionar contratos de maneira irregular para non ter que adxudicalos. Isto o que fai é que outras empresas non podan concorrer e, por tanto, se están conculcando tamén os dereitos de esas pequenas e medianas empresas do noso país. E creo que, poñer o foco, tanto en isto como en ese sobrecuste de 470 millóns de euros é un debate necesario que non se pecha con esa Comisión de investigación, porque a ocultación e todas as manobras do Partido Popular neste asunto, o que nos di é que teñen algo que ocultar e, polo tanto, nós imos a seguir insistindo e traballando neste tema porque é evidente que hai unha responsabilidade política moi clara. Por certo, unha responsabilidade que os cidadáns de Vigo lle reclamaron nas rúas de maneira masiva hai poucos días nunha multitudinaria manifestación.

O que vemos é que hai empresas que están sendo beneficiadas grazas ás contratacións a dedo e, claramente, beneficiando a familiares de altos cargos do PP

Un dos temas polémicos e importantes que vai a determinar unha das zonas nas que nós traballamos e que vai a determinar Galicia tamén, que é Altri. Cal é a posición do BNG ou que vai a facer o BNG despois do informe de impacto ambiental?

Eu creo que ese informe estaba escrito e ditaminado desde o minuto cero porque a Xunta non é neutral en todo este proceso. A Xunta leva sendo a promotora de este proxecto de Altri desde o primeiro minuto e aí temos declaracións de hai un ano das propias conselleiras do goberno de Rueda dicindo que Altri era un proxecto impoluto desde o punto de vista medioambiental. Polo tanto, a neutralidade da Xunta máis ben é cero. É máis, temos constancia de que está habendo moita presión aos funcionarios para que eses informes sexan positivos e cremos que todo isto é un sinsentido por varias razóns. Primeiro, porque hai unha poboación local que está dicindo dunha forma moi rotunda que non quere ese proxecto porque ameaza o seu modo de vida. É que toda a Comarca da Ulloa foi pioneira no desenvolvemento sustentable baseado na agricultura e na gandaría ecolóxica e Altri significa poñer en risco todos eses proxectos que hai nesa Comarca, que son ademais proxectos que xeran moita riqueza no rural, que fixan poboación, que coidan o medio ambiente e todo isto, está ameazado polos intereses dunha empresa portuguesa que quere facer aquí o que non lle deixan en Portugal.

Nós dicimos moi claro que Galiza necesita industria pero non contaminación. E aquí o que se nos quere e converternos, en certa maneira, nun destino de industrias contaminantes  que poñen en risco o futuro, que non teñen en conta o cambio climático, que non teñen en conta que xa temos unha sobreprodución de eucalipto e que isto vai a ter un impacto maior e que, polo tanto, non representa o futuro. Son industrias do pasado con un modelo caduco que temos que deixar atrás. Creo que a Xunta de Galicia e o presidente da Xunta, en vez de ser comercial de Altri, o que debería é de escoitar o clamor social que hai en contra de esta industria. Porque ademais, o que estamos vendo é que a incapacidade do Partido Popular para atraer proxectos innovadores, proxectos de futuro fai que o único que teñan que ofrecerlle a este país é unha pasteira. Nos anos 60, 70 era o modelo de Franco, no século pasado. 2025 é o modelo de Rueda. Non queremos que ese sexa o futuro, máis ben o pasado e a nosa postura é moi clara: hai que frear Altri porque é unha ameaza, non só para a Ulloa senón tamén para os catro mil postos de traballo que dependen directamente da ría de Arousa e é unha hipoteca para o futuro de este país. Creo que temos que coidar que país lle deixamos ás xeracións que veñen detrás.

Nós dicimos moi claro que Galiza necesita industria pero non contaminación

En relación ao tema de Altri, o PP di que o BNG mudou a súa posición logo das autonómicas..

Non, o BNG, cando nos dixeron que ía haber unha biofábrica, que ía xerar tres mil empregos e que era unha industria que non ía xerar ningún problema ambiental no noso país, dixemos: “adiante”.

Pero cando coñecemos cal era o proxecto real, que foi curiosamente despois das eleccións, que é cando se publica no DOG, o que vemos é que hai un gran engano ao Parlamento, hai un gran engano á cidadanía porque Altri non é unha biofábrica. Altri é unha megapasteira que ademais, segundo algúns informes técnicos de persoal moi cualificado, vai ser a pasteira máis contaminante do Estado. Creo que xa nos chega con Ence como para seguir soportando este tipo de industrias que, eles mesmos o din, son industrias de enclave, industrias contaminantes que non pechan ciclos produtivos e que o único que fan é soportar aquí a maior carga ambiental. Ademais, partimos de que este tipo de industrias agora en Portugal non as queren, que por iso Altri deixa de estar en Portugal e quere vir a Galiza. Porque eles viron ben que significa todo ese proxecto de pasteiras e de eucalipto e cos macroincendios e coas consecuencias que tiveron e en Portugal dixeron: “hai que parar”. E agora queren que ese sexa o modelo de Galiza? Me parece unha irresponsabilidade tremenda.

Outro dos temas importantes, e que agora é un tema moi parado, é Alcoa. Parece que a postura do goberno da Xunta e a postura do goberno de Madrid, non se sabe moi ben cal teñen o final.

O que se sabe é que os dous decidiron seguir “a pés xuntillas” a estratexia de Alcoa e nós sabemos que o interese que tiña Alcoa era pechar esta fábrica polos seus intereses comerciais. Por iso, desde o BNG sempre dixemos, defendemos e seguimos defendendo que o que era necesario nun momento coma este, no que está en xogo unha industria da que depende unha parte moi importante do produto interior bruto da provincia de Lugo, era facer unha intervención pública, aínda que fora temporal, para buscar realmente un comprador solvente que puxera outra vez a funcionar esta industria no noso país.

Sen embargo, vemos como neste tema, Partido Popular e Partido Socialista lle están facendo o xogo a Alcoa e nós o que imos a traballar é para que non se perda máis industria no noso país porque é evidente que temos un problema moi grave coa falta de peso da industria no noso PIB e, evidentemente, está é unha cuestión moi importante para a Mariña e nós vamos a estar ai, defendendo o emprego.

Falando do goberno de España, cal é a relación do BNG co goberno de Pedro Sánchez?

Nós temos unha relación que, primeiro, parte de que somos organizacións políticas diferentes pero o BNG traballa en Madrid para defender os intereses de este país e, en base a esa premisa, chegamos a un acordo de investidura que nunha parte se está executando. Evidentemente, en outra aínda quedan elementos por executar pero entendemos que tamén hai lexislatura por diante para que eses compromisos se cumpran. Nós o que vamos a ir é negociando tema a tema, sempre poñendo por diante os intereses de Galiza. Si o goberno de Sánchez cumpre con Galiza, terá a man tendida do BNG. Se non cumpre con Galiza, é evidente que o noso apoio non o vai a ter.

Se o goberno de Sánchez cumpre con Galiza, terá a man tendida do BNG. Se non cumpre con Galiza, é evidente que o noso apoio non o vai a ter

Un tema moi recorrente…que vai pasar coa AP-9? O delegado do goberno, nun almorzo que fixo cos xornalistas, falaba de que el tiraba máis cara o obxectivo da gratuidade da AP-9 máis que a AP-9 fora xestionada desde Galicia.

Eu creo que son dous obxectivos que van en paralelo e non vexo un incompatible con outro. É máis, sorpréndeme que o Partido Socialista desde Madrid estee desautorizando ao propio Partido Socialista en Galiza, que votou a favor de esa transferencia. Non entendo ese trato diferente aos galegos e ás galegas porque autoestradas desas características foron transvasadas, algunhas por certo en época de Aznar, tanto a Euskadi como a Cataluña. Por tanto, nós vamos a ser inflexibles, no sentido de que seguimos reclamando que a AP-9 ten que xestionarse desde Galiza e, en segundo lugar, que a AP-9 ten que ser gratuíta. Que hai que ir a un rescate da autoestrada porque, cos datos que nós temos cun informe elaborado pola Universidade de A Coruña, sáenos moito máis barato o rescate da AP-9 que seguir pagando as bonificacións. Polo tanto, o que é incomprensible é que se queira seguir mantendo ese nivel de beneficio escandaloso para Audasa a costa de que os galegos e as galegas paguemos unha das peaxes máis altas de todo o Estado.

Ano e medio despois das eleccións municipais e a dous anos de que esteamos xa en plena precampaña municipal, que valoración fai o BNG dos pactos municipais? Como están eses pactos en xeral?

O primeiro que valora é que, onde temos alcaldías do BNG hai proxectos transformadores, hai vilas e cidades que funcionan e, polo tanto, estamos marcando a diferencia dentro da política municipal galega con concellos que son referentes na xestión de espazo público, na transformación en positivo, en poñer no centro ás persoas, na defensa do público que me parece que é fundamental e en modelos que teñan calidade de vida. A partir de aí, o certo é que nós temos acordos de goberno con outras forzas políticas, fundamentalmente co Partido Socialista, e en xeral eu creo que hai unha boa dinámica, sempre e cando se cumpran os acordos. Logo tamén hai outros casos nos que, ás veces a política municipal ten as súas claves moi particulares, ás veces as cousas non funcionan como deberían. Eu o que creo é que o BNG, en política municipal, é unha garantía, sexa no goberno ou na oposición, de seriedade, de solvencia e de traballar polo ben común.

“Eu o que creo é que o BNG, en política municipal, é unha garantía, sexa no goberno ou na oposición, de seriedade, de solvencia e de traballar polo ben común

Esta é unha reflexión persoal e igual estou equivocado. Dáme a sensación de que o BNG é máis leal cando o PSdeG-PSOE ten a alcaldía de algún concello que cando é ao revés.

Nós o que somos fundamentalmente é leais coa cidadanía, somos xente de palabra e estamos en política para mirar polo ben común e non por intereses de parte. Creo que ese é o prisma co que sempre operamos, sexa o ámbito municipal ou sexa o ámbito galego.

O BNG propuxo non fai moito unha liña de axuda aos investigadores de dezaseis millóns de euros. En que consistiría, se o Parlamento ou a Xunta fixeran caso a esa proposición?

Nós temos un proxecto moi amplo para o desenvolvemento da ciencia no noso país porque cremos que esta é unha parte fundamental no cambio de modelo que ten que operar en Galiza. Preocúpanos que Galiza está por debaixo da media do Estado en investimento en I+D+i, moi por debaixo da media europea e a anos luz do que fan países como pode ser Alemaña. Nós o que queremos é que Galiza sexa unha punta de lanza na ciencia e que ese sexa un cambio de paradigma, tamén no noso desenvolvemento económico porque podemos competir en coñecemento en vez de en salarios low cost. Creo que ese é un modelo moito máis interesante. Entón, dentro de esa aposta, nós poñemos sobre a mesa varias cuestións que nos parece que son importantes. Unha primeira é que hai que dar un maior apoio para a ciencia basal, para a investigación de base, que nos parece que é clave, e nese sentido propoñemos esa inversión. Propoñemos tamén que se cree un programa que permita a estabilización de persoal investigador. Por exemplo, vimos nos últimos meses como se quedaron sen contratos por falta de convocatorias específicas xente que viña de ter bolsas como eran as María Zambrano e, polo tanto, ai hai unha eiva que nos gustaría cubrir.

Nós tamén polo que apostamos é pola creación do INNOGAL. Despois de ter estudado modelos que funcionan para captar talento tanto en Euskadi como en Cataluña e que son referencia en todo o Estado, vamos a volver a traer esa proposta porque nos parece fundamental que Galiza sexa un lugar onde os investigadores e as investigadoras queiran vir a aportar o seu talento e o seu coñecemento, que nos vai aportar un desenvolvemento importante.

Unha pregunta relacionada coa lingua e a cultura. Que habería que mellorar en Galicia coa cultura? Que melloraría o Bloque do modelo de xestión de cultura que ten a Xunta?

Creo que non hai un modelo. Hai un modelo de reparto de subvencións pero non creo que a Xunta teña un modelo de apoio á cultura galega. Estámolo vendo en ámbitos onde hai un retroceso brutal como na edición de libros en galego, no apoio aos nosos creadores e creadoras… onde vemos como falta ese orgullo de país, de defender o propio, de querer fomentalo e de saber que ai hai un elemento de creación de riqueza. Cremos que sería necesario darlle un maior impulso económico e, en segundo lugar, apostar polos nosos creadores e creadoras en todos os ámbitos traballando man a man cos sectores.

Coñecemos non fai moito uns estudios nos que había un problema importante coa lingua galega nos rapaces. Vai haber unha manifestación o 23 de febreiro, tamén se están facendo as asembleas comarcais de Queremos galego… Hai solución para que o galego se manteña?

Creo que a situación na que estamos é alarmante pero reversible, sempre e cando se tomen medidas. O grave é que temos a un goberno na Xunta que a súa proposta é que esteamos quince meses diagnosticando o que xa está diagnosticado en vez de aplicar o gran acordo que xa hai en torno á lingua que é un Plan xeral de Normalización lingüística e tomar unha medida na que todo o mundo, desde as institucións culturais, ata os sindicatos, ao propio BNG… lle estamos reclamando como é derrogar ese decreto da vergoña que converteu o galego nunha lingua de segunda e que fai que os nenos e nenas que entran pola porta da escola falando galego, saian falando castelán. Dende logo, creo que a Xunta de Galiza está cometendo unha irresponsabilidade histórica, que está traizoando o máis esencial deste país que é a lingua, pero que tamén é coherente co que fixeron porque temos a un presidente que empezou manifestándose en contra da lingua, poñéndose detrás dunha pancarta da lingua por un mísero puñado de votos e acabou votando en contra de que o galego se poida falar no Congreso e no Senado. Isto é unha vergoña que o vai a perseguir sempre e que, en certa maneira, tamén demostra que este é un goberno que non está traballando a favor do idioma senón que o quere é impoñernos o monolingüísmo en castelán. Por iso non están preocupados polos datos que hai. Por iso din que a situación é boa. Porque se está cumprindo o obxectivo do Partido Popular que non é outro que non é outro que impoñernos o monolingüísmo en castelán.

Xa para rematar. Houbo asemblea do BNG o 1 de decembro, está o BNG unido?

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.