O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá as obras do campo de fútbol de Caranza xunto ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Ambos comprobaron os avances nos traballos, que xa se atopan no 80% de execución, coa previsión de que finalicen na vindeira semana.
Alcalde e conselleiro estiveron acompañados polos concelleiros de Urbanismo e Deportes, Blanca García e Ricardo Aldrey respectivamente, pola presidenta da AVV de Caranza, María del Pïlar Rodríguez, e polo presidente do club Galicia de Caranza, Kike Soto.
Rey Varela agradeceu a visita do conselleiro e o compromiso da Administración autonómica, xa que “se podemos acometer esta actuación é grazas ao convenio de colaboración que asinamos Concello e Xunta de Galicia para a renovación de todas as instalacións deportivas da nosa cidade e sen ese compromiso orzamentario, non poderiamos completar o salto importantísimo que estamos dando na cidade”, manifestou. Cómpre lembrar que o antedito acordo foi asinado en 2024 e está dotado con 18 millóns de euros.
“O deporte é estratéxico para as cidades, por iso estamos a facer o maior investimento nesta materia que se fixera nunca en Ferrol, despois de moitos anos de abandono”, afirmou. Ao fío disto, lembrou que este campo chegou a estar inhabilitado para a práctica do deporte debido ao risco que supuña para os usuarios. “O que era un soño para Caranza, convértese nunha realidade e a vindeira tempada este campo estará cheo de nenos e nenas practicando deporte”, adiantou o alcalde.
ACTUACIÓNS
Os traballos realizáronse en 8.900 metros cadrados de terreo e contan cun orzamento de máis de 809.000 euros. Remodeláronse as dúas pistas que había de fútbol 8 para converterse nun único campo de fútbol 11 (divisible á súa vez, en disposición transversal, en dúas pistas de fútbol 8) de céspede artificial homologado. Ademais, esta actuación inclúe todo o equipamento preciso: porterías, banderíns, banquiños cubertos, redes de protección e demais elementos deportivos.
Así mesmo, instalouse unha bancada descuberta de formigón prefabricado de 45 metros de lonxitude e sete niveis, situada sobre o noiro resultante da ampliación do campo.
Outras das intervencións que se levou a cabo é a instalación de novo rego centralizado e recollida de pluviais e drenaxe do campo con recuperación de auga para a rega, así como un novo sistema de alumeado mediante led sobre mástiles.
Estas obras melloran de forma significativa a funcionalidade e calidade das instalacións, adaptándoas ás necesidades actuais dos clubs e deportistas da cidade.
CIDADE DO DEPORTE
No marco desta visita, alcalde e conselleiro destacaron os avances da Cidade do Deporte, con numerosas obras en execución e outras xa licitadas ou adxudicadas. Están xa en marcha os traballos en FIMO, a primeira fase do estadio da Malata, a cidade náutica da Cabana e o complexo deportivo da Gándara.
Así mesmo, están licitados ou adxudicados os traballos nos pavillóns do Ensanche, Casa do Deporte de Caranza, Santa Mariña e Javier Gómez Noya-Piscina de Caranza, así como a segunda fase do estadio da Malata e a pista de skate.
Con estas actuacións, “hai unha verdadeira transformación nas instalacións deportivas do barrio de Caranza no que nos atopamos e en toda a cidade, pensando nos nenos e nenas, que son o presente e o futuro”, remarcou Rey Varela.




