O Concello de Ferrol adxudicou á empresa Prace, Servicios y Obras SA o proxecto de reforma da peixaría do mercado da Magdalena por un importe total de 326.647,01 euros. Esta adxudicación, aprobada pola xunta de Goberno local, supón un aforro de 30.000 euros e un prazo de garantía total de seis anos, cinco máis respecto do mínimo que figura nos pregos.
“Trátase dun proxecto que marcará un paso importante na revitalización dun dos espazos máis emblemáticos da cidade”, afirmou o alcalde, José Manuel Rey Varela.
Así, comeza a conta atrás para que Ferrol conte cun gastromercado, “unha iniciativa que estamos seguros que aumentarán o número de clientes e visitantes a estas instalacións”, asegurou o rexedor. Así mesmo, “trátase dunha aposta pola nosa identidade, polo noso comercio local e pola vida que latexa no corazón histórico de Ferrol”.
DETALLES DO PROXECTO DO GASTROMERCADO DE FERROL
Esta intervención vai manter a esencia do edificio, respectando a súa estrutura histórica e a beleza da súa cuberta metálica. Entre as accións que se levarán a cabo está liberar a totalidade do espazo central. Así pois, trasladaranse os dous postos actualmente ocupados cara espazos baleiros no lineal de fachada e retiraranse todos de postos das illas centrais. Ademais, eliminarase o chanzo existente, dispoñendo todo a un único nivel, mellorando a accesibilidade.
A liberación deste espazo suporá a mellora no funcionamento do mercado e a recuperación de perspectivas visuais que inciden nunha mellor percepción da cuberta e das ventás existentes sobre os postos. De igual maneira, recuperarase a cuberta interior como elemento principal do espazo, realzando a visibilidade das cerchas e elementos auxiliares mediante unha reparación e renovación da pintura sobre as mesmas.
Asemade, está previsto un novo mobiliario fixo no espazo central. Estará composto de amplas bancadas, pequenas xardineiras e varandas delimitadoras. Serán de carácter fixo como elemento organizador e divisorio dos dous fluxos existentes no recinto. Por unha banda, os corredores de consumo, en torno ás bancadas dos postos. Pola outra, o corredor turístico, no centro do espazo, percorrendo o mercado de lado a lado.
A barra do novo posto de degustación realizarase nas mesmas condicións que o mobiliario e prevese a colocación dun tramo de mesado expositor de aceiro inoxidable. Habilitarase unha zona de cociña e outra de consumo, aproveitando o espazo libre na franxa lateral do extremo sur oeste, e tamén un espazo de información e armarios. Este renovado espazo contará con novas portas automáticas nos accesos norte e leste e non se modificará a porta de madeira da fachada sur.
O proxecto representa “unha aposta firme pola conservación do patrimonio e o fortalecemento do comercio local”, destacou o alcalde de Ferrol.
O proceso de execución comezará tras a firma da acta de comprobación e estímase que as obras conclúan nun período de catro meses. Esta actuación, cofinanciada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, permitirá transformar este espazo nun centro moderno, accesible e sostible.



