A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou a zona das obras.
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde en funcións do Concello de Narón, Manuel Ramos, visitou os traballos de construción dunha das dúas glorietas proxectadas pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas na estrada autonómica AC-116, na parroquia do Val.
O proxecto, que conta cun investimento de máis de 846.000 euros e un prazo de execución de 12 meses, correspóndese coa construción dunha nova rotonda no cruce entre a AC-116 e a DP-5408, á altura do quilómetro 4+120, que se denominou glorieta norte; e outra nesta vía autonómica para conectala co polígono de Río do Pozo, no quilómetro 3+360 , que será a glorieta sur.
É neste último punto onde se están a desenvolver actualmente as obras, que inclúen ademais a habilitación dun novo viario de acceso ao polígono industrial. Ata o momento procedeuse a desprazar os servizos afectados e se esta a executar o movemento de terras, previo á construción desta glorieta, que terá un diámetros de 42 metros. De forma paralela, trabállase na prolongación da vía desde o parque empresarial, onde xa se habilitou a drenaxe transversal con tubo de formigón.
A delegada territorial lembrou que, con esta intervención, “o Goberno galego pretende mellorar a mobilidade na parroquia do Val, ofrecendo aos seus veciños maior seguridade e comodidade nos seus desprazamentos, ao mesmo tempo que contribúe a mellorar a competitividade da zona ao facilitar o tránsito cara ao polígono industrial de Río do Pozo”.
Concretamente, a glorieta sur conectará a estrada autonómica AC-116 coa autovía Ferrol-Vilalba, AG-64, a través do parque empresarial, e está prevista no Plan sectorial da rede viaria de Ferrol e área de influencia. Con esta infraestrutura viaria evitarase o tráfico pola vía provincial no núcleo de Santa Margarida, beneficiando así á veciñanza da zona.
A glorieta norte, na zona do Val, executarase sobre a plataforma existente, realizando ensanches onde sexa necesario. Terá 32 metros de diámetros e permitirá mellorar a seguridade viaria nesta zona, substituíndo a actual intersección en cruz con carrís centrais de xiro á esquerda e cuñas de aceleración e desaceleración.