As obras para a creación do novo aparcadoiro disuasorio na Alameda de Góis, un proxecto clave para a mellora da mobilidade sostible en Oroso, avanzan a bo ritmo. Tras a sinatura do convenio en setembro entre o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde Álex Doval, estanse a realizar traballos que permitirán habilitar un espazo de máis de 3.000 metros cadrados con máis de 80 prazas de estacionamento.
Esta infraestrutura, financiada pola Xunta cun investimento de preto de 54.000 euros, busca ofrecerlle á veciñanza de Oroso unha solución cómoda e sostible para aparcar e compartir vehículo. Entre as prazas dispoñibles, dúas estarán reservadas para persoas con mobilidade reducida e 14 estarán habilitadas para motos.
O proxecto, que incluirá a mellora do firme e a urbanización da área, tamén contempla a instalación de bordos, marcas viarias e sinalización vertical, o que facilitará un uso ordenado e seguro do espazo. A previsión é que o novo aparcadoiro estea dispoñible antes de finalizar o ano, contribuíndo á redución do tráfico nas contornas urbanas e ao fomento da mobilidade sostible.
O alcalde Álex Doval agradeceu á Xunta a súa colaboración e destacou a importancia de promover alternativas de transporte máis respectuosas co medio ambiente e máis eficientes para o día a día da cidadanía.