Os organizadores da Festa do Queixo de Arzúa tamén confirmaron as datas da cita que celebra medio século de vida, o 14, 15 e 16 de marzo
A Festa do Queixo de Arzúa, declarada de Interese Turístico de Galicia, vén de presentar un novo logo para conmemorar o seu 50 aniversario. Ademais, a organización tamén anunciou as datas da nova edición 2025, e que contará cunha celebración especial co gallo do seu medio século de vida. A cita dos amantes do queixo e da música desenvolverase os días 14, 15 e 16 de marzo.
Así, a Festa do Queixo de Arzúa 2025 contará cunha renovación visual que marcará un antes e un despois dunha festa que promove a cultura queixeira, a tradición, o sabor da rexión e a música. O novo logo representa cinco décadas de traballo, compromiso e paixón polo queixo artesanal, sen esquecerse da parte musical que tan arraigada está a esta festa gastronómica e da cultura. O novo logo foi creado para a ocasión por Daniel Camino, veciño de Arzúa que se dedica ao deseño gráfico.
A Festa do Queixo de Arzúa 2025 desenvolverá ao longo de tres días unha variada oferta de actividades culturais e gastronómicas que incluirán, entre outras, degustacións, concurso de tapas polos bares da vila, talleres e obradoiros para os máis pequenos, charlas, así como concurso e concertos de música que converten a Festa do Queixo de Arzúa nunha experiencia única para todos os seus asistentes.
Durante a presentación da nova imaxe o alcalde do Concello de Arzúa, Xesús Carril, expresou o seu desexo de que “queremos que veña moita xente de fóra, mais que sega sendo unha festa eminentemente para a nosa veciñanza”.