Os Premios Ferrero Rocher anunciaron a Ribadavia como finalista, xunto a outras catro candidatas, á vila máis fermosa e navideña de España
Os Premios Ferrero Rocher do concurso Xuntos Brillamos Máis 2024 veñen de anunciar, nunha gala retransmitida pola súa canle de Youtube, que o concello de Ribadavia é finalista do prestixioso certame que premia á vila máis fermosa e navideña de España. A localidade ourensá é a única representate de Galicia no certame, e opta ao premio xunto a outras catro localidades: Ágreda (Soria), Biar (Alicante), La Andrada (Ávila) e El Coronil (Sevilla).
A gala de presentación das cinco vilas finalistas deu paso á apertura das votacións para o público, que se poden realizar a través da páxina web do concurso Xuntos Brillamos Máis 2024 de Ferrero Rocher. O alcalde César Fernández defendeu a candidatura de Ribadavia e explicou que dende o Concello e coa colaboración da veciñanza decorouse unha das pontes da vila, sobre o río Avia.
“Fixémolo porque a auga é un elemento chave dos que gozamos do noso Concello, non só co Avia senón tamén co Miño, que nos dan unhas paisaxes naturais únicas”, defendeu o rexedor engadindo que “ademais temos augas termais, como as Termas de Prexigueiro, un recurso diferenciador do noso concello xunto cun patrimonio arquitectónico e histórico único e envexable” que conta coa declaración de Interese Cultural nunha vila que é a capital do Ribeiro, “o mellor viño de España”.
“Pero o máis importante que temos en Ribadavia é a nosa xente, un pobo moi vivo con xente acostumada a traballar unida na organización de eventos como a Festa da Istoria ou a Noite Meiga”
A concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, animou á veciñanza, aos visitantes e a todos os galegos a votar pola candidatura, fotografarse na vila, crear reels e compartir a maxia de Ribadavia nas redes sociais co cancelo #Juntosbrillamosmás.