PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Barbadás reordena o tráfico en tres rúas da Valenzá

PorBisbarra

Luns, 24 Febreiro 2025 , ,
As rúas Carrís, Salgueiriños pasan a ser dun só sentido e a Calzada Romana cambia a dirección de circulación.As rúas Carrís, Salgueiriños pasan a ser dun só sentido e a Calzada Romana cambia a dirección de circulación.

O Concello de Barbadás finalizou a intervención de reordenación do tráfico nas rúas Carrís e Salgueiriños e na Calzada Romana, na Valenzá. O cambio de sentido nas tres vías permitirá mellorar a mobilidade nesta zona, lograr unha circulación máis fluída e aumentar a seguridade de condutores e peóns.

“Esta reordenación é fundamental para mellorar a mobilidade e seguridade da veciñanza, xa que se producían moitos atascos en zonas con moita densidade de tráfico ”, explicou a tenente alcalde, Victoria Morenza. Por outra banda, a intervención fixo posible a creación de novas prazas de aparcamento, ao converterse en rúas dun único sentido.

A actuación rematou a pasada semana coa entrada en vigor do novo sentido da Calzada Romana, unha vez que se procedeu ao pintado da sinalización horizontal e á colocación de sinais para prohibir a circulación dende a ponte dos Patos cara ao pavillón de deportes. Ata o momento, era unha rúa de dobre sentido, pero o seu escaso ancho dificultaba a circulación en certas zonas, sobre todo nas fins de semana, ao tratarse da principal vía de acceso ao polideportivo e ao campo de fútbol.

PUBLICIDADE

Neste sentido, o Concello de Barbadás xa se viu na obriga de prohibir temporalmente a entrada de vehículos dende o parque dos Patos ata o campo de fútbol en varias ocasións, para evitar a gran acumulación de tráfico nos eventos deportivos. “A reordenación de tráfico nesta rúa supón unha importante mellora, xa que nalgúns tramos se producían incidentes menores e agora xa non existe esa dificultade”, apuntou Morenza.

Co obxectivo de soucionar esta situación, a administración local atendeu á recomendación da Policía Local de converter permanentemente a Calzada Romana nunha vía dun só sentido de circulación en dirección sur-norte.

Para mellorar a seguridade dos peóns nesta zona, o Goberno local tamén contempla a instalación dun elemento redutor de velocidade e así evitar que os condutores circulen a maior velocidade ao contar cunha maior amplitude do único carril.

REORDENACIÓN DOS CARRÍS E SALGUEIRIÑOS

O Concello de Barbadás tamén mudou o sentido de circulación das rúas dos Carrís e Salgueiriños. A primeira pasou a ser unha rúa de sentido único ascendente, dende a rúa Salgueiriños ata a rúa Areal. O estacionamento realízase en liña con prazas de 2,2 metros de ancho en ambas marxes, quedando un carril de circulación duns 4 metros de ancho.

Pola súa banda, a rúa Salgueiriños converteuse nunha rúa de sentido único descendente, dende a rúa Areal ata a rúa 17 de Maio. O estacionamento tamén é en liña, con prazas de 2,2 metros de ancho e cun carril de circulación de 4,6 metros de ancho.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.