Borja Verea (Santiago, 1980) é licenciado en Dereito pola Universidade de Deusto, doutor en Dereito e conta cun máster en Administración Local, ambos pola USC. É o presidente e voceiro do Partido Popular de Santiago e deputado na Xunta de Galicia. Agora que se van cumprir dous anos dende que BNG, Compostela Aberta e PSdeG gobernan o Concello compostelán, Borja Verea atende a Bisbarra para facer balance, analizar polo miúdo a acción de goberno do tripartito neste bienio, e explicar cal é a alternativa do Partido Popular para a cidade
– En breve, vanse cumprir dous anos dende que o tripartito goberna o Concello de Santiago. Como valora a súa xestión?
– Continuísmo. Sen dúbida creo que é a palabra que mellor define estes dous anos. Ademais, é unha evidencia, algo que está á vista de todo o mundo, que a cidade leva gobernada nos últimos dez anos por un tripartito (Compostela Aberta, Partido Socialista e BNG) e vai camiño dos doce. Polo tanto, as políticas son as mesmas. E isto é normal porque se estan apoiando os uns aos outros cando o necesitan, non teñen problema en cambiar tamén de candidato e, polo tanto, a cidade está baixo o goberno deste pacto, desta alianza de tres partidos e eu o que fago sempre é a mesma pregunta, que a intento responder pero que me gustaría tamén que a respondan, neste caso, os lectores de Bisbarra: Mellorou en algo a cidade nos últimos dez anos?
Esa creo que é a pregunta que hai que responder. Nós, evidentemente, xa demos moitos datos, moitas perspectivas que demostran que a cidade está sensiblemente peor, mais esa pregunta é a que van ter que responder os cidadáns de Santiago no 2027.
– Parte dos proxectos que se están a desenvolver en Compostela, como o párking do hospital, foron ideas súas en campaña electoral. Considera que o Concello é un goberno que non ten ideas e copia as súas?
– Nós temos unha estratexia moi clara dende o primeiro minuto. Eu teño o convencemento de que a principal obriga do líder da oposición é demostrarlle á cidade que é unha alternativa de goberno e que imos a ter un goberno sólido, un goberno serio e un goberno útil. Isto hai que demostralo dende a oposición, e estámolo facendo dende o minuto un. Como ben di, os grandes proxectos que están hoxe en marcha en Santiago son todos gracias a nós. Podemos falar, por exemplo, da infraestrutura máis importante que se vai a desenvolver en Galicia en materia de mobilidade alternativa, que é esa conexión peonil e ciclista entre O Milladoiro e Santiago. Unha cuestión da que se levaba falando vinte ou trinta anos e respecto a cal ninguén facía nada. Eu puxen ese proxecto sobre a mesa, defendín en solitario ese proxecto fronte a BNG, Compostela Aberta e Partido Socialista, que me criticaron a min e ao proxecto, e vaise a inaugurar en poucas semanas.
Dicía tamén vostede o aparcadoiro do Clínico, outra cuestión da que se levaba falando vinte anos e ía no noso programa electoral. O primeiro que dicían, unha vez que o anunciei, entre risas, entre chanzas, era que “iso é mentira, iso non se vai a facer, está enganando á cidadanía” e hoxe, este tripartito, en concreto este goberno de BNG e Compostela Aberta, xa asinou coa Xunta que era a mellor proposta para a cidade, e nós estamos moi contentos.
Podo poñer outros exemplos. As vivendas colaborativas, cen por cen públicas de Xoán XXIII, cando as anunciei, que me dicían BNG, Compostela Aberta e Partido Socialista? Que estaba a mentir, que eu non ía a poñer nunca aí vivenda pública, que aí non querían vivenda pública nin Conde Roa, nin Currás, nin Agustín Hernández, e que polo tanto eu estaba mentindo. Eu dixen que, se de min dependese, ía haber vivenda pública en Xoán XXIII. Hoxe o proxecto está aprobado e xa en licitación.
E o máis recente, cuestións de seguridade. Estamos moi orgullosos de ter traído á axenda pública e ser a voz da cidadanía nunha cuestión tan grave como é o da seguridade que acabamos de vivir. E volveuse a repetir o mesmo que nos outros proxectos. Cando, hai sete días, diciamos que había un problema gravísimo de seguridade en Santa Marta, cal foi a resposta do goberno local? Que son un trumpista, que son un alarmista e que son un mentireiro. Pois, sete días despois, están tomando medidas, están reuníndose coa Delegación do Goberno, e reaccionaron ante as clamorosas demandas da veciñanza, e creo que iso é a nosa obriga, e a miña obriga. Estamos gobernando máis e mellor dende a oposición que eles completamente illados e fóra da realidade dende o goberno local.

A cidade leva gobernada por un tripartito continuísta (Compostela Aberta, Partido Socialista e BNG) os últimos dez anos e vai camiño de doce”
– Falando de seguridade, hoxe en día as asociacións se mobilizan ao marxe do Concello para ter máis seguridade. Houbo unha asemblea en Santa Marta para falar deste tema. Falta liderado no Concello no tema de ter máis seguridade na cidade?
– É que están completamente fóra da realidade. Non é que haxa unha falla de liderado, é que eles non cren que haxa un problema de seguridade en Santiago e, polo tanto, non toman medidas, non é unha prioridade. Están noutras cuestións que tampouco son capaces de explicar. E cando non recoñecen que hai un problema, pois a realidade arrasa con eles, que foi o que pasou nesta cuestión da seguridade. Simplemente hai que ler a hemeroteca, xa non dos últimos meses, dos últimos días ou das últimas dúas semanas, nas que ante unha denuncia seria, contrastada, falada coa cidadanía de que hai un problema gravísimo en Santa Marta, a resposta do goberno local foi que non hai un problema de seguridade, e que o Partido Popular está mentindo, que somos uns alarmistas e uns irresponsables. Sete días despois, están comezando a tomar medidas, están comezando a falar de que si hai un problema e están, como digo, chegando tarde ás cuestións importantes para a cidade. A reacción dos veciños de Santa Marta é a reacción a incapacidade, a reacción á parálise e é a reacción ao ninguneo do goberno local aos problemas reais de Santiago.
– Onte mesmo, no Pexego de Arriba, no 24 horas cometeron un roubo, e tamén en diferentes locais da zona… Que medidas teríamos que adoptar para mellorar esta onda de inseguridade? Máis policía? Máis cámaras?
– Nós propuxemos un plan de choque con medidas concretas. Cando gobernemos, cando sexa alcalde, son as medidas que poñerei en marcha. Isto responde tamén ao dito antes de mostrarlle á cidadanía unha alternativa de goberno. En primeiro lugar, hai que contratar máis policía local porque temos 120 policías locais. Iso é unha tomadura de pelo para os cidadáns de Santiago, cando hai vinte anos había 175. Nós entendemos e cremos que Santiago ten que ter entre 200 e 220 policías locais para cumprir a taxa que recomendan as institucións europeas. Polo tanto, propoñemos unha axenda de contratación de 100 novos policías locais.
En segundo lugar, a activación das cámaras de gravación, por suposto. E non só que comecen a gravar as que xa están operativas, senón poñer moitas máis cámaras na cidade porque as cámaras de gravación dan unha sensación de seguridade e tamén evitan os actos delituosos.
En terceiro lugar, e non menos importante, unha cuestión como é a iluminación. Hai que recoñecer que hai un fracaso do contrato de iluminación da cidade, que é de 40 millóns de euros. Santiago está peor iluminada trimestre a trimestre, polo tanto, fracasou este contrato. Unha cidade mal iluminada é unha cidade máis insegura, sobre todo para as mulleres.
Por suposto, o incremento do nivel da comisaría e despois, nos casos concretos como é o de Santa Marta, dixémolo dende o minuto un, o desmantelamento inmediato do principal centro comercial da droga de Santiago que está en Santa Marta.
Entón, son medidas que poñemos a disposición deste goberno, que entendemos que non as vai a poñer en marcha porque non cre que haxa un problema de seguridade, pero que nós poñeremos en marcha cando gobernemos.
Estamos moi orgullosos de ter traído á axenda pública e ser a voz da cidadanía nunha cuestión tan grave como é a da seguridade que acabamos de vivir”
– Vanse aprobar os orzamentos a finais deste mes. Como valora os orzamentos do Concello? Vai neles algunha medida para resolver eses problemas de iluminación e seguridade?
– Dos orzamentos non temos ningunha información máis que a que se publicou nos medios de comunicación, porque chegounos toda a documentación hai 24 horas e estamola estudando. Tamén digo, os nosos orzamentos non van a ser os orzamentos desta alianza de BNG, Compostela Aberta e Partido Socialista porque xa os coñecemos. Son os mesmos orzamentos que veñen repetindo nos últimos dez anos. Orzamentos sen ambición, sen transformación e continuístas nesa liña desa imaxe que están trasladando de Santiago como unha cidade pequena, como unha cidade illada e como unha cidade acomplexada. Nós apostamos por proxectos que leven a Santiago, que leven a Compostela ao século XXI e iniciar ou recuperar todos estes anos perdidos, precisamente para converter a Santiago no que é, e que está no seu ADN, unha cidade aberta, unha cidade universal e unha cidade en marcha e con enerxía.
– O Concello por si so non dá feito moitas cousas, a Xunta está colaborando co Concello?
– Simplemente hai que ver os datos de investimento que hai hoxe en Santiago. Os únicos investimentos transformadores que se están desenvolvendo na cidade, ou que están anunciados son, precisamente, dunha administración gobernada polo Partido Popular, neste caso a Xunta de Galicia. Estabamos falando da conexión, desta senda e infraestrutura Milladoiro-Santiago, estamos falando do gran aparcadoiro dentro do Clínico que se vai a licitar tamén ao longo deste ano, das vivendas cen por cen públicas de Xoán XXIII, da transformación do Ensanche norte a través da construción e apertura de ese ensanche que tamén vai a levar a cabo a Xunta, das melloras e ampliacións dos polígonos industriais… Creo que é unha realidade, simplemente hai que comparar os datos de investimento local de Santiago cos concellos da súa contorna e pequenas vilas, pequenos concellos que teñen máis investimento público que o propio Concello de Santiago, que está completamente paralizado e malfacendo as últimas obras que deixaron programadas os gobernos anteriores.
– A Deputación inviste o necesario no Concello? Porque o último investimento que estaba previsto era para a Casa da Xuventude, para convertela nunha oficina da Deputación. Ao final, cancelouse e non se sabe de máis investimentos do ente provincial…
– Pois as pequenas inversións que veñen, practicamente de xeito obrigatorio, a través dos plans. A Casa da Xuventude creo que é o mellor relato dunha cidade que quere máis, dunha cidade que quere cambio, dunha cidade que ten ambición e que ten, ao mesmo tempo, un goberno que a frea e un goberno que a retrasa. A Casa da Xuventude está sen utilizar, está practicamente en ruínas e non hai alternativa, nin derribo, nin rehabilitación. É o mellor exemplo dun goberno que está bloqueando o progreso desta cidade.
– Mantén a idea de tirar a Casa da Xuventude se é alcalde?
– Por suposto. Xa dixen que un dos meus primeiros decretos, se son alcalde, será o inicio do expediente de derribo da Casa da Xuventude para crear unha gran praza e para crear un gran acceso ao parque de Belvís. Moitas veces, eliminando un edificio constrúes tamén cidade. Tamén o volvo a dicir, se os actuais partidos que están gobernando queren o noso apoio para derribar a Casa da Xuventude e crear ese gran acceso ao parque de Belvís, esa conexión entre casco histórico e a zona verde de Belvís, pois van a ter o noso apoio. Nós queremos ser útiles, queremos ser construtivos e queremos que a cidade avance. Volvo a dicir, estamos gobernando máis e mellor dende a oposición que eles dende o goberno local.
A reacción dos veciños de Santa Marta é a reacción á incapacidade, a reacción á parálise e é a reacción ao ninguneo do goberno local aos problemas reais de Santiago”
– A execución de obras na cidade é moi baixa, o último informe fala dun tres ou catro por cento. Con vostede iso melloraría?
– É que gobernar é xestionar, e máis no século XXI, no que as administracións son terriblemente complexas e, polo tanto, nós o que queremos é xestionar e liberar todas esas forzas administrativas que ten a cidade e que están completamente paralizadas e atascadas. É un dos grandes retos, é un dos grandes obxectivos que eu teño na cabeza unha vez chegue ao goberno. Pero tamén é certo que conto no equipo con experiencia, unha gran experiencia de xestión administrativa que é necesaria e imprescindible hoxe en día para mobilizar unha cidade como Santiago.
– Para que haxa máis empresas nos polígonos industriais e non só nos polígonos, están os polos biotecnolóxicos. Considera que o Concello está a traballar dende ese punto de vista para traer empresas a Compostela?
– Non se coñece ningún programa de atracción de investimento e eu diría, incluso, todo o contrario. O único que se coñece son trabas e obstáculos á hora da implantación de novas empresas en Santiago. Se queremos que veñan as empresas, os operadores económicos a Compostela, á nosa cidade, o primeiro que hai que facer é mostrarse como unha cidade amable cos investimentos, e nós temos medidas tamén concretas nesta cuestión.
Propuxemos a apertura dunha oficina para a atracción de investimentos, que tiña dúas caras. Por un lado, ir a buscar a fóra eses investimentos, non esperar a que cheguen, e a segunda parte sería, unha vez que chegan, facilitarlle toda a implantación no que ten que ver co chan, coas licenzas, cos permisos… todos eses requisitos que esixen para a implantación de empresas.
Despois, unha segunda medida que creo que era moi importante, sobre todo á hora de fixar proxectos de alto valor engadido, que era a creación dun fondo de investimento capital risco de carácter local para eses grandes proxectos que necesitan un apoio extra e que xerarían empregos de alto valor engadido.
Un dos meus primeiros decretos, se son alcalde, será o inicio do expediente de derribo da Casa da Xuventude para crear unha gran praza e para crear un gran acceso ao parque de Belvís”
– Como ve a situación do Concello no eido Cultural, tras estes dous anos?
– Non se coñece tampouco ningún cambio, ningún avance, ningunha medida na programación cultural. Quizais todo o contrario. Acelérase esa decadencia do panorama cultural santiagués, cando hai 15 ou 20 anos éramos unha referencia mundial no que se refire á programación cultural. Iso é unha das cuestións que está tamén na alma da cidade, de ser un referente cultural con carácter universal, con carácter aberto e para chegar a todo o mundo. Pois o que estamos vivindo é unha decadencia no que é a programación cultural e pechándose cada vez máis os programas en poucos autores, poucos artistas e sempre dentro da mesma diana ideolóxica.
– No mes de xullo de 2024, vostede propuxo a creación dun programa cultural de vangarda. Obtivo algún tipo de resposta do goberno de Goretti Sanmartín?
– A consecuencia de ser unha oposición útil, unha oposición construtiva e unha oposición que vai por diante do propio goberno, é que as medidas que poñemos sobre a mesa son automaticamente rexeitadas por levar a firma do Partido Popular, ou por levar a firma do meu equipo. Creo que iso é unha auténtica irresponsabilidade por parte do goberno local, que se fora intelixente, aproveitaría esta actitude xenerosa e construtiva por parte do principal partido da oposición. Nós poderiamos dedicarnos simplemente a criticar, a dicir o que está mal, pero estamos facendo ese esforzo, ese convencemento que temos dende o primeiro minuto de demostrarlle á cidade de Santiago que imos a gobernar, e de como imos a gobernar, con propostas concretas. Unha era, precisamente, volver a poñer a Santiago no mapa da programación cultural de vangarda a nivel mundial e, para iso, necesitas abrir moitísimo as portas a novas programacións, a novos artistas e, sobre todo, reforzar de xeito moi importante, dende un punto de vista orzamentario, os programas culturais.
– Das festas da Ascensión e do Apóstolo aseguraches no seu momento que eran “carentes de ambición, sen proxección e sen personalidade”. Neste sentido, que faría para cambiar as festas?
– As festas non deixan de ser unha expresión colectiva de orgullo de cidade e, polo tanto, teñen moita máis importancia da que se lle está dando por parte do goberno local. Son unha exaltación da colectividade, unha exaltación do que somos e iso ten que saír ao mundo, saír aí fóra. Polo tanto, é unha rama moi importante da programación cultural. Cando digo que non hai proxecto e que, sobre todo, non está dentro das súas prioridades, poño un exemplo moi sinxelo. Cos 800.000 euros que están gastando en novos asesores e altos cargos, se eu son alcalde, esa cantidade pasaría automaticamente con carácter anual, a desenvolver programas de vangarda cultural e, por suposto, á mellorar moitas de estas programacións. Iso si é apostar pola cultura, iso si é poñer sobre a mesa medidas concretas, soltar, como digo, todas esas enerxías que están freadas e atadas hoxe no Concello de Santiago.
– Cambiando un pouco de plano cara ao deporte. Un dos problemas que teñen as entidades deportivas e as categorías da base, é á hora de calendar o uso das instalacións deportivas. Pensa que nos dous anos que quedan de mandato, o Concello vai dar resolto ese problema?
– Evidentemente non porque non hai ningunha iniciativa posta sobre a mesa máis que pedir financiamento á Deputación, á Xunta de Galicia, ao Ministerio, á Unión Europea… pero que non fan absolutamente nada. Teñen, ou vanaglórianse de ter, nos últimos dous anos os orzamentos máis altos da historia de Santiago. Ese é un bo titular, parécenos a todos moi ben, pero iso como repercute no día a día dos cidadáns? Se vostedes teñen os orzamentos máis altos da historia de Santiago, supoño que será, por exemplo, para ter as mellores instalacións deportivas da historia de Santiago. Para ter novas e mellores instalacións deportivas. Pois non se coñece ningún novo investimento nesta materia, cando é unha evidencia obxectiva, medible e calculable que temos un profundo déficit de instalacións deportivas en tódolos ámbitos, dende os que teñen máis presenza de fichas federativas como pode ser o fútbol ata os minoritarios. Comparado novamente con calquera concello da nosa contorna, a ratio por persoa e instalacións deportivas é inaceptable hoxe en Santiago.
As festas non deixan de ser unha expresión colectiva de orgullo de cidade e, polo tanto, teñen moita máis importancia da que se lle está dando por parte do goberno local”
– Un dos investimentos que vai facer o goberno é a rehabilitación e mellora do Estadio Verónica Boquete. Como valora esta primeira intervención?
– O que coñecemos do proxecto, que tamén anunciaron en prensa, é que ían empezar a pedir orzamentos a outras administracións: á Deputación da Coruña, á Xunta de Galicia… e, polo tanto, o que se pide primeiro é compromiso por parte do propio Concello que creo que anunciou unha primeira partida, se non lembro mal, de 300 ou 400 mil euros. Pero o que necesita o Estadio Vero Boquete é un investimento moito máis intensivo do que está poñendo sobre a mesa o propio Concello. Polo tanto, imos a esperar a ver en que queda esta cuestión, o que si é certo e é unha realidade, é que o Estadio Vero Boquete necesita importantes investimentos como outras moitas instalacións da cidade.
– Segue mantendo a súa proposta da creación da Cidade do Fútbol?
– Por suposto. O noso programa de goberno, que mos gustaría telo xa iniciado e estaría xa executado ao cincuenta por cento no caso de ter gobernado no 2023. Queremos poñelo en marcha a partir de 2027, loxicamente cos axustes necesarios despois de catro anos, pero unha das nosas medidas é a Cidade do Fútbol na contorna de San Lázaro para crear, para recuperar ou para mellorar ese déficit en instalacións deportivas, neste caso de fútbol, e para crear tamén, que é moi importante, ese ambiente único que se xeraría arredor do Estadio Vero Boquete cos novos campos de fútbol.
