O Concello de Ribadavia actuará sobre un camiño en San Cristovo de Regodeigón, máis coñecido como a “estrada da Veiga”. O Goberno local considera esta obra clave para mellorar o acceso a este núcleo rural. O proxecto conta cun orzamento de 225.638,84 euros e está sufragado cos fondos do Plan CooperOU da Deputación de Ourense. Así pois, a intervención ten un prazo de execución de tres meses e buscan reforzar a infraestrutura viaria na zona.
Trátase dun arranxo altamente demandado pola multitude de usuarios e usuarias que empregan de forma cotiá esta estrada que, pese a ser secundaria, ten un gran volume de circulación. Este tramo non só serve para unir os núcleos de San Cristovo, en Ribadavia, e A Veiga, en Carballeda de Avia; senón que tamén forma parte do traxecto que une Regadas, en Beade, coa capital do Ribeiro.
INTERVENCIÓN NA ESTRADA
Actualmente o camiño presenta un firme deteriorado. Será rehabilitado cunha base de grava e varias capas de aglomerado en quente, garantindo así unha maior durabilidade e seguridade para a veciñanza. Ademais, instalarase un sistema de drenaxe con novas canalizacións e pozos de rexistro para mellorar a evacuación da auga pluvial.
O núcleo ribadaviense afectado, San Cristovo, ten máis de 200 habitantes. A eles súmase o tránsito entre diferentes localidades, ademais de ser unha estrada empregada para acceder á zona de viñedo. Todas estas circunstancias respaldan a necesidade de intervención no trazado.
Así, tras un proceso de escoita á cidadanía, o Concello de Ribadavia comprometeuse ao seu arranxo para facilitar o acceso e a mobilidade nas zonas rurais do municipio. O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou a importancia desta obra para a veciñanza de San Cristovo de Regodeigón, sinalando que desde o goberno local seguen “traballando para mellorar as infraestruturas viarias do noso municipio, garantindo unha mobilidade máis segura e eficiente”. Asemade, o rexedor salientou que a intervención será posible grazas ao financiamento do plan de cooperación da Deputación de Ourense.
Ademais de renovar o firme, mellorar a drenaxe e incrementar a seguridade viaria, o alcalde asegura que están a estudar novas actuacións complementarias para garantir o bo estado da vía a longo prazo e mellorar os servizos públicos.
Con esta iniciativa, Ribadavia continúa avanzando no seu obxectivo de mellorar as infraestruturas municipais e garantir un mellor acceso a todos os seus núcleos de poboación. “Seguimos a desenvolver o plan de mellora de infraestruturas de titularidade municipal, reafirmamos o noso compromiso de seguir traballando por unha Ribadavia con mellores infraestruturas e servizos”, conclúe o rexedor.



