A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, na que se analizaron distintos asuntos de interese para o municipio e se fixo seguimento das axudas e programas autonómicos que xa están a contribuír á mellora da calidade de vida da veciñanza.
Durante o encontro, ambos representantes destacaron a importancia da colaboración institucional entre administracións como ferramenta clave para impulsar proxectos, mellorar servizos públicos e dar resposta ás necesidades dos concellos.
Neste sentido, a delegada puxo en valor a axuda xa confirmada para o Concello de Negreira dentro do programa Rural Activo, que supera os 106.000 euros para contratar a 6 traballadores. Esta liña de subvencións ten como obxectivo fomentar o emprego en colaboración con entidades locais de menos de 50.000 habitantes, mediante a contratación de persoas desempregadas co fin de facilitar a súa inserción laboral e proporcionar experiencia profesional. Ademais, estes contratos permiten o desenvolvemento de tarefas vinculadas á prevención de incendios forestais, como a xestión de franxas secundarias, a planificación preventiva, a valorización forestal, a limpeza de montes, a xestión de biomasa ou accións de carácter cultural e cívico. Ademais, este Concello xa ten confirmada outra achega de case 34.000 euros para a mellora das Infraestruturas viarias no seu polígono industrial.
Así mesmo, o Concello conta tamén cunha achega de 7.500 euros destinada á prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento en espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas descubertas, reforzando así a seguridade e a atención á cidadanía durante a tempada estival.
A delegada da Xunta subliñou que este conxunto de apoios amosa o compromiso da Xunta cos concellos galegos e co reforzo dos servizos públicos locais, especialmente no ámbito do emprego, a cultura e a seguridade.
Finalmente, Belén do Campo destacou que a cooperación institucional é fundamental para seguir avanzando en proxectos que melloren a calidade de vida da veciñanza de Negreira e contribúan ao desenvolvemento equilibrado do territorio. Pola súa banda o alcalde trasladoulle necesidades mo eido das Infraestruturas e da seguridade viaria.




