PUBLICIDADE

Besteiro critica en Mondoñedo os atrasos do Plan Rexurbe na Mariña e pide o voto para garantir o acceso á vivenda

PorBisbarra

Sábado, 14 Novembro 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou este sábado Mondoñedo para abordar a situación da vivenda pública na Mariña e pedir o apoio electoral para os socialistas de cara aos comicios do vindeiro 29 de novembro. Durante o acto, no que estivo acompañado pola cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Patricia Otero, e polo candidato número un ao Senado, César Mogo, Besteiro instou a converter a vivenda nun dereito efectivo e criticou a xestión dos gobernos populares nos últimos 17 anos.

O dirixente socialista centrou parte da súa intervención no balance do Plan Rexurbe, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta en 2017 co obxectivo de mercar edificios antigos nos cascos históricos para rehabilitalos e destinalos a vivenda pública. Segundo os datos expostos por Besteiro, a Administración autonómica xa tiña adquiridos 20 inmobles en 2023 nos concellos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro, pero “boa parte deles segue hoxe á espera das obras” tras nove anos e dous presidentes autonómicos.

O caso de Mondoñedo

PUBLICIDADE

Besteiro sinalou especialmente a situación de Mondoñedo, localidade que foi declarada en 2020 como a primeira área Rexurbe de Galicia. Segundo indicou o líder do PSdeG, dos 15 edificios comprados pola Xunta no municipio mindoniense, a maioría continúa sen recuperar.

Para o representante socialista, a demora nas actuacións non responde a unha falta de recursos económicos, afirmando que o Executivo galego deixou sen executar o 83,5 % dos fondos destinados á rehabilitación e á calidade da vivenda. Fronte a esta situación, Besteiro lembrou que a proposta do seu partido pasa por incorporar 200 millóns de euros adicionais nos orzamentos galegos para impulsar o parque público residencial.


PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.